A Federación Española de Natación mostra a súa "estrañeza polo repentino peche" da piscina de Rías do Sur

Pontevedra
14 de marzo 2022

O organismo federativo, que a principios de mes celebraba en Pontevedra o Campionato de España de Inverno de Natación Máster con máis dun milleiro de deportistas rexistrados, quixo mostrar o seu apoio aos deportistas e clubs pontevedreses afectados polo peche da piscina olímpica

Campionato de España Máster de Natación 2019 en Ponte Muíños
Campionato de España Máster de Natación 2019 en Ponte Muíños / Mónica Patxot

A decisión da empresa concesionaria Supera de pechar as instalacións de auga do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, e por tanto a súa piscina olímpica, desencadeou unha onda de apoios de todo tipo cara aos usuarios e sobre todo clubs e deportistas que alí adestran.

Tamén desde a Real Federación Española de Natación (RFEN) quixéronse sumar a ese respaldo e crítica pola decisión mostrando a súa "estrañeza polo repentino peche da piscina", sobre todo tras celebrar a principios deste mesmo mes de marzo "un espectacular Campionato de España de Natación Master", unha cita que congregou preto de 1.200 deportistas.

Cabe destacar que a piscina olímpica pontevedresa foi durante os últimos anos tanto para a natación galega como española, non só como lugar de adestramento senón como sede de competicións autonómicas e nacionais, destacando dúas edicións do Nacional Open de Primavera, evento tradicionalmente clasificatorio para Mundiais, Europeos ou Xogos Olímpicos polo que pasaron os grandes nomes da natación española como a campioa olímpica Mireia Belmonte.

"Queremos expresar o prexuízo que supón para a natación galega e tamén para a natación española, e solidarizámonos coa FEGAN e con todos os deportistas galegos desexando unha rápida solución que pase pola reapertura da lámina de auga para beneficio de todos os usuarios", conclúe nunha mensaxe compartida a través das súas canles oficiais a RFEN.