O bronce da medalla olímpica conseguida nos Xogos de París por Diego Domínguez brillou este mércores no campus universitario pontevedrés no que cursa os seus estudos superiores.
O piragüista madrileño do Breogán do Grove recibiu unha homenaxe de profesores e compañeiros na Facultade de Comunicación.
"Non queriamos deixar pasar a oportunidade de darlle as grazas a Diego por levar moi alto o nome da Universidade de Vigo", sinalou a decana, Emma Torres.
"Sei que son un alumno difícil, que estou lonxe, pero toda axuda que nos dades é moi agradecida pola nosa banda, porque estades a nos dar a opción de poder estudar, de poder prepararnos o futuro", declarou pola súa banda o padexeiro, bronce olímpico na proba de C-2 500 xunto ao balear Joan Antoni Moreno.
Precisamente para poder preparar as súas competicións co seu compañeiro, Diegp Domínguez pasa tempadas en Mallorca, situación que desde a Universidade facilitan amparados nun regulamento elaborado para deportistas de alto nivel.
Diego Domínguez converteuse ademais no primeiro alumno en asinar no libro de honra da Facultade de Comunicación.