A expedición pontevedresa e arousá xa está en China para o mundial de piragüismo maratón

Pontevedra
15 de outubro 2019

Os trece padeeiros de clubs das rías de Pontevedra e Arousa aspiran a regresar con medallas en boa parte das categorías e modalidades que compoñen esta competición

Jenifer Casal e Raquel Rodríguez na Copa de España de Verducido Federación Galega Piragüismo

A cidade chinesa de Shaoxing acolle a partir deste xoves o campionato do mundo de piragüismo maratón. A delegación pontevedresa e arousá, composta por trece padeeiros de diversos clubs de ambas as rías, atópase xa no país asiático coa ilusión de regresar a casa cun bo puñado de medallas na maleta.

As embarcacións chinesas e húngaras parten unha vez máis como as principais rivais dos deportistas galegos, que terán que ofrecer a súa mellor versión para facerse sitio no podio. 

A competición comeza o día 17 coa disputa das primeiras finais de categoría júnior e absoluta. Na modalidade de K1 tomarán a saída na proba curta o deportista do Piragüismo Vilaboa, Antonio Palmas; e a arousana Tania Álvarez. Os mozos da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, Pablo Crespo e Diego Piñeiro, tamén se xogarán as súas opcións de vitoria no primeiro día de competición, cando está prevista a disputa da regata do C2 júnior. 

Ao día seguinte será a quenda do seu compañeiro Jaime Duro, que buscará o éxito a bordo do seu C1 en categoría sub 23. Un dos padeeiros máis laureados do mundo nesta disciplina, Tono Campos, tratará de ampliar a súa palmarés nesta segunda xornada de campionato do mundo. Do mesmo xeito que as pontevedresas Jennifer Casal e Raquel Rodríguez, vixentes campioa e subcampioa de España en C1 sénior.

A xornada do sábado é para as embarcacións dobres. No C2 masculino volverá producirse un atractivo duelo entre padeeiros galegos. A dupla que integran Óscar Graña e Pedro Areal medirase ao dúo formado por Tono Campos e Diego Romero. Ademais, a bordo do seu Kaiak a arousás Tania Fernández e Tania Álvarez tentarán meterse na loita polas medallas.

A participación pontevedresa neste campionato pecharase o domingo coa presenza de Jaime Sobrado e Iván Alonso na final do K2 absoluta.

Todas as regatas poden seguirse en directo pola páxina oficial do campionato do mundo ( https://www.canoeicf.com/canoe- marathon- world- championships/ shaoxing-2019 ) a partir das 10.30 horas, en horario español.