A esixencia do sector ciclista castiga a un Gómez Noya que finaliza undécimo en Daytona

Pontevedra
07 de decembro 2020

O Campionato da PTO (Organización de Triatletas Profesionais) celebrouse este domingo no Challenge Daytona, en Estados Unidos, cunha lista de saída na que se atopaban algúns dos mellores triatletas do panorama internacional

Javi Gómez Noya no Ironman de Cascais Ironman

Partía entre a nómina de favoritos á vitoria, pero a competencia era dura. Javier Gómez Noya non puido pasar da undécima posición no Challenge Daytona, en Estados Unidos, no Campionato da PTO (Organización de Triatletas Profesionais) que pasaba por ser a carreira do ano no tríatlon internacional.

O triatleta galego acusou a esixencia do sector ciclista, con 80 quilómetros de percorrido dando voltas ao óvalo do Speedway de Daytona, en Florida, un circuíto automobilístico que non permitía un descanso e que obrigaba a ir permanentemente axustado coa máquina. Así, a pesar de completar un bo tramo de natación (2.000 metros) e ser un dos mellores na carreira a pé (20 quilómetros), quedou a 2 minutos e 45 segundos do gañador, o noruegués Gustav Iden (03 h05:06).

Gómez Noya chegou á primeira transición tras saír da auga na sexta posición, e mantívose preto da cabeza durante os primeiros quiilómetros en bicicleta. De feito no ecuador do segmento ciclista, tras 40 quilómetros, a pesar de ser undécimo só lle separaban 24 segundos do líder, Alistair Brownlee. Con todo o  óvalo empezou a atragoárselle a Noya, que se baixou da bici con 3 minutos e 44 segundos de perda, todo un mundo.

Aí deixouse as súas opcións, porque na carreira a pé, tamén a voltas polo óvalo, comezou a remontar. Por arriba Alistair parábase por problemas físicos, e o campión mundial ITU, o francés Vincent Luís, era sancionado, emerxendo desde atrás e como un ciclón Gustav Iden para marchar en solitario cara ao triunfo final recuperando o minuto e medio que perdía ao paso pola última transición.

En canto a Javi, marcaba o terceiro mellor rexistro dos participantes na carreira a pé, o que lle valía para remontar máis de 10 postos e finalizar na  úndécima praza cun tempo de 3 horas, 7 minutos e 51 segundos. Non é moco de pavo, e é que non leva os 100.000 dólares do vencedor na incrible bolsa de premios (1 millón de dólares), pero a súa recompensa ao esforzo era premiada con 15.000 dólares.

Xunto a Iden, completaron o podio o estadounidense Matt Hanson e o británico George Goodwin.