A Epic Race Pontevedra de BTT crece na súa terceira edición

Pontevedra
03 de maio 2019

A terceira edición da esixente proba deportiva celebrarase do 31 de maio ao 2 de xuño cunha participación que xa supera os dous centenares de ciclistas

Presentación da terceira edición da Epic Race de BTT Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra serviu de escenario este venres para a presentación oficial da terceira Epic Race de BTT.

A esixente proba ciclista, ideada en formato 'non stop', celebrarase nesta ocasión entre o 31 de maio e o 2 de xuño cun percorrido de case 550 quilómetros cun desnivel positivo acumulado de 13.000 metros e que deberá completarse nun máximo de 51 horas.

Será ademais unha edición récord en canto a participación. "En 2017 participaron na Epic Race 100 persoas; no 2018, 130; e na actual edición hai inscritas ao redor de 200 persoas. Neste ano dobramos os datos respecto da primeira Epic Race, e iso que o prazo de inscrición aínda está aberto ata o 15 de maio", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.

A proba contará con oito etapas que atravesarán os municipios de Moraña, Vila de Cruces, Meis, Pontevedra, Ponte Caldelas, Ponteareas e Redondela.

"A Epic Race son carreiros, montes, costa e sitios de especial interese. É un evento que ten un crecemento progresivo e que, este ano, está a experimentar unha internacionalización: virá xente de Portugal, Inglaterra, Francia, Arxentina e Sudáfrica. Tamén asistirán persoas de Madrid, Andalucía, León e Asturias",explicou á súa vez o director técnico da proba, Josevi Cimadevila.

Ademais do percorrido completo, os participantes poderán elixir completar a Half Epic Race, versión reducida con 270 quilómetros e 6.700 metros de desnivel positivo acumulado cun límite de 25 horas para poder finalizala.