A emblemática maratón de Fátima de Campelo quenta motores

Poio
29 de abril 2023

Organizada pola Asociación de Veciños e polo Concello de Poio, a proba terá lugar o sábado 13 maio, con inscrición gratuíta

Presentación da triséximo cuarta edición da Maratón de Fátima de Campelo Concello de Poio

Un ano máis, Campelo acollerá en maio unha das carreiras populares máis emblemáticas de Poio.Trátase da Maratón de Fátima, que neste 2023 chega á súa trixésima cuarta edición, sendo unha das máis antigas da bisbarra.

A cita terá lugar o sábado 13 de maio e está organizada pola Asociación de Veciños de Campelo, en colaboración co Concello de Poio e Cronotec. O alcalde, Luciano Sobral e a edil de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, acompañada por integrantes da nova directiva do colectivo local, encabezada por Manuel Ligero deu a coñecer os pormenores da competición, que incluirá varias categorías e cuxa inscrición é gratuíta.

As anotacións poderán facerse na páxina web de cronotec e o período estará aberto ata as 23 horas do mércores 10 de maio.

Tamén estiveron presentes representantes de diferentes clubs e colectivos locais, ademais de dirixentes do SEK- Atlántico e do Motoclub A Rosa dos Ventos, que colaborarán no desenvolvemento das probas.

Este ano, unha das principais novidades ten que ver co percorrido da proba absoluta, xa que amplía a súa distancia con respecto a edicións anteriores, pasando a ser de 7,5 quilómetros. O circuíto parte desde a Praza da Granxa de Campelo, onde tamén estará habilitada a liña de meta, e servirá para percorrer diferentes partes da localidade pertencente á parroquia de San Xoán.

Á marxe da carreira absoluta, tamén haberá outros oito grupos para os máis cativos e cativas, en función da idade. Así, haberá unha proba ‘biberón’ para menores de 6 anos, sen carácter competitivo. Os sub-8 (nados entre  2016 e 2017) percorrerán unha distancia de 400 metros, mentres que os sub-10 (anos 2014- 2015) cubrirán 800 metros. Esta tamén será a lonxitude para os nenos e nenas que se apunten nas carreiras sub-12 e sub-14 (nados entre 2012 e 2013 e entre 2010 e 2011, respectivamente). Por último, para a proba sub-16 (nados entre os anos 2008 e 2009) habilítase un percorrido algo máis extenso, de 1.200 metros.

As probas de menores darán comezo desde as 17.00 horas, mentres que a absoluta será ás 17.45 horas. En todas elas haberá tanto categoría masculina como feminina. Os tres primeiros clasificados e clasificadas serán  obsequiados cun trofeo. Ademais, tamén se repartirán medallas entre os e as participantes. Haberá un avituallamento sólido e líquido á finalización da proba, ao tempo que se habilitará servizo de duchas por parte da organización.

A concelleira de Deportes e os responsables da Asociación de Veciños de Campelo fan un chamamento á cidadanía para que tome parte na que “sen lugar a dúbidas volverá ser unha gran xornada de convivencia, saúde e deporte en Campelo”, ao tempo que salientan que actualmente as inscricións avanzan “a bo ritmo”. Ademais, o domingo 14 de maio, desde as 10.30 horas, tamén terá lugar unha andaina, con inscrición gratuíta desde media hora antes do seu inicio.