A eficacia do Pontevedra imponse (3-1) á valentía do Ribadumia

Pontevedra
08 de febreiro 2015

Os comezos do partido non puideron ser máis trepidantes. Tres goles en catorce minutos e case un cuarto que puido chegar se Pablo Carnero acerta a elevar suficientemente o balón ante Javi Sánchez. O Ribadumia saltou ao campo con tanta intensidade como valentía, superando o Pontevedra en todos os aspectos menos no fundamental, o gol

Pablo Carnero celebra o primeiro gol do Pontevedra ante o Ribadumia en Pasarón Diego Torrado

Os comezos do partido non puideron ser máis trepidantes. Tres goles en catorce minutos e case un cuarto que puido chegar se Pablo Carnero acerta a elevar suficientemente o balón ante Javi Sánchez. O Ribadumia saltou ao campo con tanta intensidade como valentía, superando o Pontevedra en todos os aspectos menos no fundamental, o gol.

O dominio correspondía ao cadro aurinegro. Os balóns divididos eran case sempre para os visitantes, máis intensos na disputa, pero o exceso de motivación de moitos dos seus xogadores, con pasado granate, faríaos cometer graves erros, que pagarían caros. O primeiro chegaba nun centro dende a banda, non demasiado ben dirixido, de Adrián, que non acerta a cortar Aram. Pablo Carnero non desaproveita o regalo, inaugurando o marcador (minuto 9).

Pero a resposta non se fixo esperar. Esta vez Changui non foi o rematador, senón que exerceu de asistente. Campillo ofreceulle o interior en lugar de pechalo á banda, e o seu pase atrás converteuno ÿscar Guimeráns (minuto 11) en toda unha obra de arte, colocando o balón de rosca, coa dereita, na mesma escuadra.

E se pouco durara a alegría local, case o mesmo lle pasou ao Ribadumia. Apenas tres minutos despois do empate, Pablo Carnero aparece outra vez para facer o segundo, cun remate raso dende a frontal, aproveitando as dúbidas de Miguel Vázquez. Non era xusto polo visto ata entón, pero a eficacia marcara a diferenza e as dúbidas defensivas tamén.

Aínda puido ser peor para o Ribadumia se Pablo Carnero aproveita outro balón solto ao bordo da área (minuto 16). Intentouno de vaselina, pero quedóuselle curto e Javi Sánchez atrapou.

A valentía do Ribadumia non encontrou premio. Os visitantes, dirixidos dende a banda por Fernando Sánchez, dominaban territorialmente e merecían máis. Puideron empatar nun corner lanzado por ÿscar Guimeráns (minuto 27). O remate de cabeza de Aram sacouno Edu nunha intervención providencial.

Pero o fútbol, caprichoso tantas veces, cruel outras moitas, foino en grao sumo co conxunto visitante, que marchou ao vestiario cun castigo que non merecera, incrementado despois de que Jacobo fose protagonista por partida dobre. Primeiro cun remate cruzado que salvou Javi Sánchez. Logo cun gol anulado (minuto 42) por fóra de xogo. E posteriormente cun centro á área sobre Tubo, que cando se dispoñía a revolverse, é derrubado por ÿscar Río. O árbitro sinalou sen dúbidas o claro penalti (minuto 45) e Mouriño non perdoou facendo subir o 3-1 ao marcador xusto antes do descanso. O Ribadumia fora mellor, pero o Pontevedra fixo valer a calidade e acerto dos seus homes de arriba.

Quedaba por ver se ese terceiro gol, nun momento psicolóxico, ademais do tremendo esforzo físico realizado polos seus homes, non pasaría factura aos visitantes na segunda parte. E non o fixo, polo menos ata os últimos 20 minutos. O Ribadumia seguiu xogando tratando de que se lle esquecese o marcador, mentres o Pontevedra daba un paso atrás intentando buscar unha contra que sentenciase o resultado.

De novo serían os visitantes os que chegaran máis veces, pero sen acerto no remate. Fixérono especialmente en accións a balón parado, nas que a defensa granate andou máis despistada que de costume, pero os dianteiros rivais tampouco andaron moi espertos para chegar ao remate.

Así se foron consumindo os minutos, sen grandes ocasións para o Pontevedra, ata a recta final, cando puido redondear o resultado en dúas accións consecutivas de Jacobo en menos dun minuto, o 81 de partido. Na primeira deu un pase sensacional a Pablo Carnero. Javi Sánchez gañoulle o man a man. Na segunda encontrou un balón solto na área. Rematouno con potencia e colocación, pero de novo luciuse Javi Sánchez.

Agora se que o Pontevedra se encontraba a gusto e chegaba con perigo. Fíxoo de novo nunha gran suba por banda de Lobato, que puxo un excelente centro (minuto 85). Jorge non o aproveitou rematando de cabeza fóra, un pouco forzado pero con toda a portaría para el.

Ao final, a eficacia dos granates impúxose á valentía dun Ribadumia que deixou unha magnífica impresión na súa primeira visita oficial a Pasarón.

PONTEVEDRA CF (3): Edu (2); Adrián (2), Pablo (3), Campillo (1), Lobato (2); Pedro García (1), Álvaro Muñiz (2); Tubo (1), Mouriño (1), Jacobo (3); e Pablo Carnero (3).

Substitucións: Anxo (3) por Pedro García, minuto 58. Tomás (1) por Tubo, minuto 74. Jorge (s.c.) por Jacobo, minuto 82.

CD RIBADUMIA (1): Javi Sánchez (3); Nelo (1), Aram (1), Miguel Vázquez (2), ÿscar Río (1); Bisti (2), Álex Gómez (3); Ismael (2), ÿscar Guimeráns (3), Sylla (2); e Changui (2).

Substitucións: Adrián Padín (2) por Ismael, minuto 58. Martín Barreiro (1) por Nelo, minuto 72. David Pérez (s.c.) por Álex Gómez, minuto 82.

Árbitro: Alejandro Vázquez García (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Manuel Carreira Parrado. Amoestou a Lobato e Pedro García (cando se encontraba no banco), polo Pontevedra, e a Sylla e Adrián Padín, polo Ribadumia.

Goles: (1-0) Minuto 9: Pablo Carnero. (1-1) Minuto 11: ÿscar Guimeráns. (2-1) Minuto 14: Pablo Carnero. (3-1) Minuto 45: Mouriño, de penalti.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores, deixándose notar unha numerosa representación de afeccionados visitantes. O adestrador do Ribadumia, Gabi Leis, ao pouco de chegar a Pasarón houbo de ausentarse instantes antes de comezar o partido, ao ser avisado do falecemento da súa irmá, vítima dunha longa enfermidade. Polo devandito motivo o CD Ribadumia saíu ao campo portando brazaletes negros. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Cholo Piñeiro, directivo e delegado durante máis de 20 anos do club granate.