A Deputación festexa o ascenso do Pontevedra mirando cara á 2ª División: "É o mínimo que se merece esta cidade e este equipo"

Pontevedra
19 de maio 2022

O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, ofreceu este xoves unha recepción ao Pontevedra Club de Fútbol polo seu ascenso a Primeira RFEF, destacando o importante apoio popular recibido nos seus últimos encontros: "Moitos dos equipos de Primeira chegan xustiños aos 8.000 ou 9.000 espectadores, é un reflexo da importancia do que é o Pontevedra para esta cidade e esta provincia"

Recepción ao Pontevedra na Deputación tras o ascenso a Primera RFEF Diana Eiras

O deputado de Deportes da Deputación provincial, Gorka Gómez, ofreceu este xoves unha recepción ao Pontevedra Club de Fútbol polo seu ascenso a Primeira RFEF, nunha nova xornada do calendario de celebracións que os granates teñen previsto durante esta semana.

No acto, ao que acudiu o plantel granate ademais de corpo técnico, director deportivo e Consello de Administración, o responsable provincial de Deportes apostou por un "ascenso a Segunda División, que creo que é o mínimo que merece esta cidade e este equipo", asegurando que "creo que tedes as vimbias" para conseguilo.

Ademais Gómez destacou o importante apoio popular recibido nos seus últimos encontros: "Moitos dos equipos de Primeira chegan xustiños aos 8.000 ou 9.000 espectadores, é un reflexo da importancia do que é o Pontevedra para esta cidade e esta provincia", afirmou.

Pola súa banda a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, agradeceu ao deputado ser "un seareiro máis" defendendo a importancia do apoio recibido pola Deputación como patrocinador principal do equipo. De feito "esperemos seguir un ano máis da vosa man", sinalou a dirixente.

Tamén interveu o capitán do primeiro plantel granate, Álex González, recoñecendo que como patrocinador da camiseta a administración provincial "vai a todos os partidos connosco".

As celebracións do Pontevedra polo ascenso de categoría concluirán este venres cunha homenaxe do Concello de Pontevedra na Casa das Campás e unha ofrenda floral no Santuario da Virxe Peregrina, ademais dunha cea de despedida da tempada prevista no Hotel Campaniola e á que poderán acudir tamén afeccionados previa reserva.