A débeda do Teucro coa Federación xa está saldada

Pontevedra
14 de xuño 2019

A Sociedad Deportiva Teucro agarda á véspera da data límite para abonar os case 12.000 euros arriesgándose a ser castigada coa imposibilidade de xogar a próxima tempada

Carlos García-Alén, na asemblea do Teucro do ano 2018 Mónica Patxot

A Sociedad Deportiva Teucro esperou case ata o último momento para abonar a débeda coa Real Federación Española de Balonmán, pero, finalmente, cumpriu co prazo. Dispoñían ata este sábado día 15 de xuño para facelo efectivo.

O Comité Nacional de Competición sancionou, o pasado mes de maio, ao club pontevedrés e a outros 31 españois por unha infracción grave (derivada da falta de pagamento das cotas, sancións, fianzas e demais obrigacións económicas). Ademais ameazounos coa prohibición da participación, durante a próxima tempada, nas respectivas competicións de non poñerse ao día nos pagos dentro da data sinalada.

O club teucrista confiaba en recibir, antes do vencemento do prazo, as subvencións concedidas, con todo "non entrou aínda ningunha das que esperabamos e, se facemos a comparación cos anos anteriores, en abril ou maio xa deberiamos recibilas", confesa Carlos García-Alén, presidente da sociedade. Por iso, despois de todo, "tivemos que xestionar cobranzas de facturas e tirar dalgúns temas pendentes para poder dispoñer do diñeiro", asegura o mesmo.

Despois de liquidar a débeda, a situación económica da institución pontevedresa é un tanto inestable. "No noso caso, temos pendentes pagos a xogadores e acredores, pero non puidemos facer nada aínda porque seguimos esperando a cobranza das subvencións", explica García- Alén, "e iso xéranos unha tensión que non é nada boa. Tamén crea certa desconfianza e inseguridade cara ao club e é un problema que debe ser solucionado".

O mesmo manifesta o seu descontento pola situación e confesa que "estou un pouco doído, porque o simple atraso dun ou dous meses no pago mátanos, e do mesmo xeito que a nós, a outros moitos clubes e, aínda que dunha forma ou outra liquidamos o problema, poderiamos morrer no intento", conclúe.