A covid-19 impide a participación do equipo español de piragüismo no Europeo de Maratón

Pontevedra
03 de xullo 2021

A evolución tan pouco favorable da pandemia nos últimos días obrigou ao Comité de Maratón da Federación reunirse de urxencia e cancelar a viaxe do combinado nacional a Rusia, que estaba previsto para os días 6 e 12 de xullo

Probas individuais do Campionato de España de Maratón de piragüismo

Os piragüistas da modalidade de maratón clasificados no complexo deportivo David Cal de Verducido hai uns meses quedarán sen disputar o Campionato de Europa que se celebrará en Moscova do 9 ao 11 de xullo debido á renuncia da Federación Española a participar.

Segundo anunciou a RFEP, esta decisión débese á actual situación sanitaria marcada pola pandemia da covid-19. A evolución tan pouco favorable da pandemia nos últimos días obrigou ao Comité de Maratón da Federación reunirse de urxencia e cancelar a viaxe do combinado nacional a Rusia, que estaba previsto para os días 6 e 12 de xullo.

"Asuntos Exteriores, na súa páxina web de recomendacións de viaxe, precisa que a data 30 de xuño non se recomenda viaxar a Rusia, salvo casos de estrita necesidade", sinala a RFEP á vez que explica que a compañía alemá coa que tiñan previsto viaxar cancelou os voos con todo o territorio.

Este contratempo bota por terra o traballo dos clasificados españois entre os que se atopan os piragüistas da EP Ciudad de Pontevedra Jenifer Casal e Jaime Duro; Tono Campos, Diego Romero, Tania Álvarez, Marta Mourelos, do Breogán; Fernando Busto e Rosalía García, do As Torres-Romaría Vikinga; Joaquín Iglesias e Adrián Prada, do CP Verducido- Pontillón; Lua Cubiela, do O Muíño, e Sara Durán, do CP Portonovo.