O Complexo Deportivo David Cal, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, será escenario esta semana dunha nova competición nacional de piragüismo.
Nesta ocasión a base será protagonista na I Copa de España de Piragüismo Sprint Cadete.
Participarán nesta competición preto de medio milleiro de padexeiros de 14 e 15 anos, dos que o 39% serán galegos.
Así o explicaron na presentación oficial da proba celebrada este xoves no Concello de Pontevedra con presenza da tenente de alcalde, Eva Vilaverde, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.
A competición desenvolverase no complexo deportivo pontevedrés, en Verducido, este sábado 1 e domingo 2 de xuño a partir das 9.00 horas.