A concesión a Pontevedra do Europeo de ciclocrós 2024, a punto de caramelo

Pontevedra
18 de xaneiro 2022

Concello e Federación Galega de Ciclismo mantiveron este martes un encontro para estudar o contrato enviado pola Unión Ciclista Europea e esperan pechar o acordo neste primeiro trimestre do 2022

Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra Mónica Patxot

Pontevedra está cada vez máis preto de converterse en sede doutro gran evento deportivo de ámbito internacional.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, reuníronse este martes no Concello para ultimar os detalles da candidatura e esperan poder anunciar "nas vindeiras semanas" a designación da Boa Vila como organizadora do campionato de Europa de cilocrós do 2024.

"A Unión Ciclista Europea acaba de darnos o visto bo, faltan un par de flecos. Penso que nas próximas semanas ou nos próximos meses, xa neste primeiro trimestre, teremos esa resposta. As negociacións están moi avanzadas, acabamos de recibir xa o contrato final. Dentro de moi pouquiño poderemos anunciar ese campionato soñado", sostén con optimismo o dirixente da Federación, que ve neste evento "un premio a todo ou traballo que levamos feito e avalado por eses dous campionatos de España".

A reunión serviu tamén para tratar entre ambas as partes "cuestións económicas e de organización que esixe a UCE", engadiu o titular de Deportes do Concello de Pontevedra.

A concesión non é aínda un feito, pero tanto Fernández como Muñiz amósanse moi optimistas.

"Xa temos un certo currículo de organización razonablemente boa. Ademais en Pontevedra vívese a proba con paixón, temos un circuito case urbano que é moi recoñecido polos participantes, que se presta a ver carreiras espectaculares e que atrae a moita xente. Temos tamén un prestixio internacional na organizacion de eventos que nos fai ser optimistas de cara a que a UCE nos considere para albergar esta proba", remarca o edil socialista.

Á marxe da repercusión mediática e o prestixio que supoñería a organización desta proba, que este ano se realizará en Bélxica e o próximo, en Francia; a capital das Rías Baixas converteríase "non centro do cilocrós a nivel europeo e mundial. Imos ter os mellores especialistas do ciclocrós", destaca Muñiz.

No plano económico, lograr traer un evento deste tipo a Pontevedra supoñería tamén "un balón de osíxeno" para a hostalería da comarca.

"Imos ter aquí entre 800 e 1000 participantes, multiplicados por 3 ou 4 porque os profesionais veñen co seu staff técnico", matiza o presidente da Federación, convencido de que se beneficiarán deste fluxo de turistas hoteis de toda a provincia

Desde o Concello, tan pronto como sexan nomeados organizadores, establecerán contactos con Xunta e Deputación para coñecer a súa predisposición para colaborar na organización dun evento que transcende o meramente deportivo.