A carreira popular da Festa do Viño de Barro busca consolidarse na súa segunda edición

Barro
11 de xuño 2024

A proba deportiva, cun percorrido de 10 quilómetros, celebrarase o vindeiro domingo 23 de xuño

Presentación da segunda carreira popular da Festa do Viño de Barro Concello de Barro

Será soamente a súa segunda edición, pero a carreira popular da Festa do Viño de Barro quere consolidarse no calendario deportivo e atlético da comarca.

A proba deportiva, organizada polo Club de Atletismo +9 e o Concello de Barro, celebrarase o vindeiro domingo 23 de xuño dentro da programación da XLV Festa do Viño de Barro.

A saída e a chegada da carreira estará situada nas inmediacións do Pazo da Crega, en Santo Antoniño. Desde alí os atletas de categoría absoluta afrontarán un percorrido de 10 quilómetros. Serán os primeiros en correr, a partir das 10.00 horas.

Despois virán, ata aproximadamente as 13.00 horas, distintas carreiras de categorías de base, para deportistas de entre 3 e 16 anos.

As inscricións, que poden formalizarse en www.galitiming.com ata o día 20 de xuño, serán de balde para os máis pequenos e terán un custo de 8 euros a partir da categoría sub-18.