A canteira ao poder: Lezcano e Rivera dan vantaxe ao Pontevedra sobre Atlético Saguntino (2-1)

Pontevedra
07 de marzo 2018

A canteira ao poder. Fernando Lezcano e o xuvenil Rivera, deron unha curta, xusta e importante vantaxe a un Pontevedra que priorizou os seus intereses ligueiros, reservando á maior parte dos seus xogadores habituais, fronte a un Atlético Saguntino ao que unha polémica decisión arbitral, ao non observar falta sobre o porteiro local Anxo, permitiu obter un gol que lle dá vida na eliminatoria

Partido de Copa Federación entre Pontevedra e Atlético Saguntino en Pasarón Mónica Patxot

A canteira ao poder. Fernando Lezcano e o xuvenil Rivera, deron unha curta, xusta e importante vantaxe a un Pontevedra que priorizou os seus intereses ligueiros, reservando á maior parte dos seus xogadores habituais, fronte a un Atlético Saguntino ao que unha polémica decisión arbitral, ao non observar falta sobre o porteiro local Anxo, permitiu obter un gol que lle dá vida na eliminatoria.

A pesar das ausencias, o pouco público que asistiu ao partido saíu encantado co ofrecido polos rapaces, que pediron paso con actitude, xogo e goles. Os granates, chegados a estas, viaxarán a Sagunto con vantaxe, en busca da que sería a súa segunda final de Copa Federación.

A luz que faltou en Pasarón (alguén decidiu que era suficiente con acender só catro focos de cada torreta) púxoa Fernando Lezcano. O xoven dianteiro granate achegou unha vez máis a faísca que lle falta habitualmente ao equipo, deixando de paso a incógnita das razóns polas cales non contou case nunca para Luisito e segue sen facelo tampouco para Luismi, a pesar da alarmante falta de gol que sofren os granates en liga.

Pero Lezcano non só puxo o gol (un golazo), deu outro feito que Éder mandou fóra e tamén demostrou traballo e actitude na presión, cunha entrega total, servindo de exemplo para outros cuxa achega dista moito de ser a que se espera deles.

Cun equipo no que primaban os menos habituais xunto con homes do filial e xuvenil, Luismi puxo unha defensa na que Marcos tentaba ocupar o carril dereito, con Josiño e Pacheco como centrais, mentres David Castro ocupábase do lateral esquerdo, improvisando a Berrocal como terceiro centrocampista, formando liña con Jesús Barbeito e Prosi, deixando en punta a Lezcano, Éder e Pibe, ante a baixa de última hora de David Añón, que sufriu unha indisposición, segundo informou o club, apenas tres horas antes do comezo do partido.

Algo máis de presenza tivo de saída o Atlético Saguntino, que se fixo co control do partido, dominando  territorialmente, pero con escaso poder ofensivo, limitando ese dominio ao lanzamento de saques de esquina, nun dos cales tivo case a súa única ocasión no primeiro tempo, cun remate de Quesada, superada a media hora de xogo, que saíu rozando o poste.

Antes o Pontevedra adiantouse nunha xenialidade de Lezcano, colocando na escuadra un balón solto que recolleu na frontal da área, aos 15 minutos de partido. Un gol de dianteiro, de home de área, con calidade e olfacto para facer o que outros nin soñan.

Os granates foron crecendo coa vantaxe e a medida que pasaban os minutos. Os mozos empezaron a soltarse e sentirse cómodos, conseguindo facerse co control do balón, ata ter a ocasión de facer o segundo, de novo con Lezcano como protagonista para baixar un balón entre dous defensas e habilitar a Éder, que non aproveitou cruzando o remate en exceso cando estaba absolutamente só.

Os comezos da segunda parte ofreceron maior igualdade, cun Pontevedra que se seguía atopando relativamente cómodo e non pasaba apuros. Berrocal tivo nas súas botas o segundo, pero non acertou a rematar un balón dentro da área.

Pero os visitantes moveron ficha e non puido saírlles mellor a cousa. Cun dobre cambio imprimiron maior velocidade ás súas accións e precisamente os dous recentemente incorporados foron protagonistas. Fluixá gañou a liña de fondo cedendo para Lois que puxo un centro que se lle escapou das mans a Anxo, con posible falta dun dianteiro, e Granell tocaba o seu primeiro balón para conseguir o empate.

Lonxe de engurrarse, o Pontevedra foise a por o partido e de novo Lezcano apareceu para levar o perigo nunha xogada na que sentou cun crebo aos centrais, para disparar con dureza, pero Javi logrou rexeitar.

O premio ao mellor xogo, pero sobre todo á maior entrega e ambición deste xoven Pontevedra chegou no engadido e tamén das botas doutro xogador da canteira. O dianteiro do xuvenil, Rivera, demostrou descaro e calidade para soltar un soberbio disparo raso desde a frontal, ante o que nada puido facer o meta visitante. Os granates gañaban e viaxarán a Sagunto cunha mínima pero importante vantaxe en busca da final ao mesmo tempo que a canteira pediu a berros maior protagonismo no primeiro equipo.

PONTEVEDRA CF (2): Anxo; Josiño (Kevin Presa, minuto 76), David Castro, Pacheco (Fernando, minuto 94), Prosi, Jesús Barbeito, Marcos Álvarez, Berrocal, Lezcano, Éder (Rivera, minuto 76) e Pibe.

ATLÉTICO SAGUNTINO (1): Javi; Maldo (Fluixá, minuto 61), Rafa, Marín, Quesada, Gilabert, Boix (Granell, minuto 61), Kata, Esteve, Luís e Nuha (Juliá, minuto 44).

Árbitro: Luís Lois Castro (Galicia), auxiliado nas bandas por Juan Carmuega e César Montes. Amoestou a Prosi, no Pontevedra, e a Kata, no Atlético Saguntino.

Goles: (1-0) Minuto 15: Lezcano. (1-1) Minuto 62: Granell. (2-1) Minuto 92: Rivera.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido de ida da semifinal da Copa Federación. Uns 400 espectadores.