A Cañota vibra coa emoción do boxeo

Marín
12 de febreiro 2017

Marín viviu este sábado unha completa xornada de boxeo coroada coa velada celebrada nun abarrotado pavillón da Cañota, no que se puideron ver ata nove combates

Velada de boxeo no pavillón da Cañota Diego Torrado

Sobresaliente xornada de boxeo a vivida este sábado en Marín, onde o Team Thunder preparou diversas actividades de promoción do seu deporte finalizada cunha velada no pavillón da Cañota.

A xornada arrincou no Café Bar Nave coa tradicional pesada de todos os competirdores, e continuou ás 16:00 horas cunha masterclass de Sandro Martín, na que participaron ata medio centenar de afeccionados ao boxeo.

Foi só o aperitivo do que estaba por chegar, unha velada que abarrotou o pavillón da Cañota e na que se puido gozar de ata nove combates.

No primeiros deles, en categoría junior, o local Álex Sotelo debutou cun triunfo sobre Iván Noal. Despois foi a quenda do vigués Alberto Rosales (Sagabox) que se impuxo a Oleh Pedchenko, do Alva Fight portugués.

No terceiro combate Ricardo Ferreiro (Thunder SNAP) a Manu Míguez (Olimpo's), e no cuarto Javier Amoedo (Team Thunder Marín) volvía a un ring tras unha longa lesión con vitoria ante o catalán Leo Bonavilla (KO Verdum).

Xa no quinto enfrontamento da noite José Alexandre (KO Verdum) impúxose a Kike García (La Vieja Escuela de Vigo), no sexto a local Alba Pedrosa (Team Thunder) fixo o propio ante a catalá Ivette García, no sétimo Abel Ferreira (Team Thunder) resarciuse dunha derrota anterior ante Andrey Bondim do Alva Fight portugués, e no oitavo combate José Martínez (La Vieja Escuela Vigo) derrotou a Iván Franco.

Así se chegou ao combate principal da velada, no que Aarón González, símbolo do club marinense, ofreceu un gran espectáculo e impúxose nun igualado enfrontamento ao colombiano Ander González.

Durante a xornada rendeuse ademais unha homenaxe a Sandor Martín, padriño de cerimonias do club e colaborador do evento co seu masterclass, e a Pedro Ferradás, un dos mellores púxiles nacionais durante os anos 90 e que fixo vibrar no seu momento aos marinenses no propio pavillón da Cañota.