A medida que pasan as xornadas o Pontevedra CF complícase aínda máis e nin co cambio de adestrador saíronlle as cousas, caendo contra a Balompédica Linense nun partido a vida ou morte para non ver perigar de forma clamorosa a permanencia na categoría.
Pero os granates seguen negados ao gol, e a pesar de que Cacharrón fixo un auténtico partidazo, foi incapaz de evitar os tres goles dunha Balona que colle aire e sácalle 5 puntos aos de Toni Otero.
Impuxo o Pontevedra o seu ritmo ao comezar o encontro, chegando con perigo á área rival cando se cumpría o minuto 2 con senllos centros de Samu Araújo desde a esquerda e de Yelkodesde a dereita que desbarataron a zaga local.
A Balona respondía cunha boa triangulación por banda dereita e o seu posterior disparo de Loren, que se traducía na primeira intervención de Cacharrón, tirándose abaixo e atallando sen problemas. Tamén se librou o Pontevedra do primeiro gol en contra na seguinte xogada, porque Joao Pedro estrelaba o seu chute no traveseiro na que era a máis clara ocasión.
Sen tempo para a relaxación, os visitantes responderon o momento por medio de Brais Abelenda, que regateou ao gardameta pero quedou un pouco escorado e trastabillado, enviou un pase atrás, pero non houbo rematador.
Con todo, o protagonista estaba a ser Pablo Cacharrón, que realizaba dous auténticos paradones para salvar outra vez os mobles a un Pontevedra que se vía obrigado a substituír a Brais Abelenda aos 12 minutos de xogo e daba entrada a Valen no seu lugar.
O guion a partir dese momento foi outro completamente diferente e aos de Toni Otero custáballes un mundo asomarse polo campo da Balona, que pola contra si que chegaba con claridade a portería granate, sobre todo a balón parado.
Co paso dos minutos a intensidade foi decaendo e houbo que esperar ata o minuto 29 para ver unha nova chegada que, como non, foi do cadro local por medio de Joao Pedro, que recibiu en liña de fondo un balón procedente dun saque de banda, pero estaba demasiado escorado, Cacharrón cubriu o pau curto e desviou a córner.
De novo tocáballe sufrir ao Pontevedra, que tiña baixo paus un muro que repelía os intentos da Balona de abrir a lata e seguía intervindo para manter a portería a cero. Estirábase primeiro para frear un potente zurdazo de Antonio Romero desde fóra da área que fixo un efecto raro, e pouco despois para atallar un disparo cruzado de Álex Guti tras unha boa transición ofensiva.
Tras o paso polos vestiarios as primeiras ocasións foron a favor da Balona, a máis perigosa cun centro desde o vértice da área de Joao que non puido rematar Duncan.
Decidiu mover ficha Toni Otero pouco antes de que se cumprise a hora de xogo, sacando do campo para Charles e Luís Martínez, este último por lesión, e dando entrada a Masogo e Bakero para ver se así empezaban a chegar as ocasións para os granates.
E foi precisamente Masogo o que protagonizou a primeira ocasión desta segunda metade para o Pontevedra, xutando desde a media lúa pero enviando o esférico por fóra da portería defendida por Varo.
Tamén facía cambios o técnico local, metendo a un Fekir que non tardou en abrir a lata tras recibir entre liñas un balón de Joao Pedro, dribló a Cacharrón no man a man e a portería baleira anotou o 1-0.
Aos granates estaba a custarlles sangue, suor e bágoas deter á Balona, que campaba ás súas anchas triangulando e trenzando xogadas sen maiores inconvenientes e aproveitaba para rascar algúns segundos cando podía para desesperación dun Pontevedra impotente e non só negado ao gol, senón negado a perturbar a Varo.
E se as cousas xa estaban a ser complicadas para os de Toni Otero co 1-0, peor se puxeron co 2-0. Fekir pasou de goleador a asistente e cedeu o balón a Guti entre dous defensores, o dianteiro plantouse diante de Cacharrón e bateuno por baixo das pernas.
Só Bakero asomou por portería rival cando se cumpriu o minuto 80, rematando de cabeza un centro demasiado frouxo de Álex González que atrapou Varo.
O peixe estaba vendido, pero os locais seguían insistindo, aproveitando que o Pontevedra estaba tocado animicamente. E nun visto e non visto chegou o terceiro tanto do cadro local. Koroma foise de cinco xogadores granates, xutou abaixo, Cacharrón despexou ao carón, pero Toni García chegou desde segunda liña para sentenciar a pracer e condenar ao Pontevedra a un abismo do que está a resultar imposible saír.
REAL BALOMPÉDICA LINENSE (3): Varo, Connor, Borja, Morante, Loren (Papa Cámara, min. 83), Antonio Romero, Masllorens, Omar (Koroma, min. 65), Duncan (Fekir, min. 65), Joao Pedro (Toni García, min. 75) e Guti (Delmonte, min. 83).
PONTEVEDRA CF (0): Cacharrón, Samu Araújo, Churre, Miguel Román (Rufo, min. 70), Álex González, Brais Abelenda (Valen, min. 12. Martín Diz, min. 70), Yelko, Charles (Bakero, min. 58), Seoane, Borja Domínguez (Álex Masogo, min. 58) e Luis Martínez.
Goles: 1-0, min. 64, Fekir. 2-0, min. 79, Álex Guti. 3-0, min. 88, Toni García.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 do grupo I de Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de la Línea.