A balear Carla Jaume asegura a primeira medalla para España no Mundial U20 de Loita de Pontevedra

Pontevedra
05 de setembro 2024

A deportista balear, nunha gran actuación, meteuse este xoves na final da súa categoría, os 53 quilos, asegurando como mínimo a medalla de prata. A galega Candela Castro (62 kg), eliminada na clasificación

Carla Jaume, no Mundial U20 de Loita de Pontevedra Federación Española de Luchas Olímpicas

Á cuarta xornada chegou a primeira medalla española no Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas que se está celebrar en Pontevedra.

A falta de decidir a súa cor final, conseguiuna a balear Carla Jaume, ao meterse de forma brillante na final da categoría de 53 quilos.

Jaume é a primeira española da historia en alcanzar unha final mundialista, un combate previsto para este venres no que agarda a chinesa Jin Zhang, campioa asiática.

Para chegar á gran final superou nos seus combates previos á romanesa Ana Maria Gianina Rotaru (12-4), a xaponesa Saki Yumiya (7-3) e xa en semifinais á india Jyoti Jyoti (4-3).

A xornada de xoves supuxo ademais a entrada en acción da segunda deportista galega do campionato, Candela Castro (Club de Loita Atila de Ourense), nos 62 quilos. Non puido con todo avanzar no cadro ao ceder no seu combate inicial contra lasuiza Annatina Kendra Lippuner (11-0).

Tampouco logrou vencer na vía da repesca a andaluza María Cazalla (50 quilos).

O Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas de Pontevedra empeza a mirar xa cara á súa recta final no Pavillón Municipal dos Deportes, cunha xornada de venres na que se pechará a loita feminina e competirán os primeiros representantes da loita libre masculina.