A armada pontevedresa de piragüismo maratón, ao asalto do Europeo

Pontevedra
25 de xullo 2019

A localidade francesa de Decize acolle desde este xoves 25 ata o domingo día 28 o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón, no que a armada pontevedresa aspira a ser protagonista

Diego Romero e Óscar Graña, durante unha competición Federación Galega Piragüismo

O piragüismo pontevedrés aspira a ser protagonista no Campionato de Europa de Maratón que comeza este xoves 25 de xullo na localidade francesa de Decize.

Deportistas de 21 países competirán no torneo continental, entre os que se atopan 15 padexeiros galegos cun bo número de representantes pontevedreses.

O programa de competición previsto tívose que modificar debido ás altas temperaturas que se esperan, polo que o Europeo comeza este mesmo xoves coas carreiras individuais da categoría xuvenil. Ademais poderanse ver as regatas da modalidade Short Race, na que debutarán Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) en  C-1. Trátase dun novo formato con tres voltas pequenas e dous porteos.

Xa o venres tomará a testemuña Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) no K-2 xuvenil xunto a Alejandro Moreno.

Para a fin de semana quedarán as probas absolutas, empezando o sábado polas individuais nas que estarán na auga Jenifer Casal (EP Ciudad de Pontevedra), Tono Campos e Diego Romero, todos eles na modalidade de canoa.

Por último, o domingo competirán as embarcacións dobres nas que tomarán a saída o pontevedrés Óscar Graña xunto a Jose Sánchez (Kayak Tudense), ademais de Tono Campos e Diego Romero, sendo ambas as parellas candidatas aos postos de podio. Completa a representación comarcal Tania Álvarez (Breogán do Grove) no K-2 xunto á lucense Tania Fernández.