A apertura das instalacións deportivas de Pontevedra, supeditada a que a Xunta permita iniciar a desescalada

Pontevedra
15 de decembro 2020

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asegurou este martes que o Concello de Pontevedra supeditará a reapertura progresiva dos campos de fútbol e instalacións deportivas municipais "ao alivio das restricións sanitarias e ao inicio da desescalada na nosa cidade por parte da Xunta de Galicia"

Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra mantivo durante os últimos meses unha postura contraria á apertura das instalacións deportivas municipais salvo excepcións xustificadas, caso de equipos federados en competición.

Agora o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, avanzou que o departamento que dirixe pensa xa na reapertura progresiva dos campos de fútbol e o resto de instalacións titularidade municipal aínda que todo iso supeditado "ao alivio das restricións sanitarias e ao comezo da desescalada na nosa cidade por parte da Xunta de Galicia, e tamén a que as federacións deportivas teñan aprobados os seus correspondentes
protocolos".

"O lóxico é que a desescalada deportiva estea en consonancia co alivio das restricións que o goberno da Xunta estableza para o conxunto do municipio e de Galicia. Cando as condicións sanitarias melloren e comece a desescalada, os terreos de xogo e instalacións iranse reabrindo para todos os nenos", sinalou coa previsión de que iso pode suceder á volta do Nadal.

Fernández avanzou este martes que esta desescalada deportiva farase en base a un protocolo que se desenvolverá "en dúas fases diferenciadas: a primeira para os rapaces de categorías xuvenil, cadete e infantil e a segunda para os benxamíns e alevíns. Teñan ou non competición en calendario".

Ata o de agora o edil e tenente de alcalde lembrou que as instalacións permanecían abertas unicamente para os adestramentos e encontros daqueles equipos que tiñan fixadas datas de competición"seguindo unha liña de máxima prevención".