O Estadio Municipal de Pasarón recibirá o vindeiro domingo 4 de decembro (17.00 horas) o primeiro desprazamento importante de afeccionados visitantes do que vai de tempada, co derbi que enfrontará o Pontevedra Club de Fútbol co Racing de Ferrol.
A Federación de Peñas do club ferrolán confirmou que ao redor de 300 seguidores contaban xa a última hora do mércores con entrada para o encontro. A iso súmanse os aficonados particulares interesados en acudir ao choque, e que poden adquirir os seus billetes directamente por internet ou o propio domingo no despacho de billetes de Pasarón.
O groso da afección do Racing será colocada na bancada superior do Fondo Sur.
Esta presenza de afeccionados visitantes garante un auténtico ambiente de derbi para un choque imporante para os dous equipos. No caso do Pontevedra, en plena recuperación, para tentar saír dos postos de descenso, mentres que para o Racing de Ferrol para tentar deixar atrás unha serie de cinco xornadas sen gañar que lle fixeron caer fóra da zona de play-off tras un espectacular inicio de competición.
O prezo das entradas para o derbi mantense sen cambios con respecto a outras xornadas de liga do Pontevedra, con billetes a 25 euros en Tribuna, 20 euros en Preferencia e 15 euros nos fondos para o público adulto. Os menores de entre 6 e 16 anos pagarán 15 euros en Tribuna e 10 euros no resto de bancadas e os menores de 6 anos contarán cunha entrada única de 5 euros.