A AFE comunica que os test de Covid serán obrigatorios antes de cada xornada de Segunda B e Terceira

Pontevedra
20 de outubro 2020

A Asociación de Futbolistas Españois (AFE) aprobou destinar 640.000 euros para dotar de test aos futbolistas destas dúas categorías e tamén da Primeira e Segunda Feminina

Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Coa competición recentemente iniciada, pode parecer unha medida obvia, pero segundo a comunidade autónoma aínda non era unha realidade.

A Asociación de Futbolistas Españois (AFE) comunicou a última hora deste luns que a realización dos test para detectar a Covid-19 serán obrigatorios para os e as futbolistas de Segunda B e Terceira División masculina e para a Primeira e Segunda feminina.

Estas probas de detección deberán realizarse entre 72 e 48 horas antes dos partidos oficiais que se disputen ao longo da tempada.

Trátase dun acordo alcanzado pola propia AFE e a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), dentro das axudas para os clubs das competicións de ámbito estatal non profesional, xa que serán en boa parte financiados por estas institucións.

De feito a xunta directiva da AFE, sinala o sindicato de futbolistas, aprobou destinar 640.000 euros para dotar de test aos e as futbolistas destas categorías.

Segundo o protocolo pactado, será a RFEF quen centralizará a compra das probas de detección e distribuiraas aos clubs.

TAMÉN NO FÚTBOL SALA

O acordo fíxose extensivo tamén ao fútbol sala, concretamente ás categorías de Primeira e Segunda División tanto masculinas como femininas, segundo anunciaron as Asociacións de Xogadores e Xogadoras de Fútbol sala (AJFS e AJFSF).

Desta forma será obrigatoria a realización de test semanais durante a competición.