A '4 Picos Bike & Trail' terá segunda edición en 2016 e márcase como obxectivo dobrar a participación

Pontevedra
30 de abril 2015

Manterá a súa data de celebración a mediadios de abril pero pasará a disputarse en dous días, o sábado destinado ás probas BTT e o domingo ao Trail. A organización, contenta coa primeira edición pero disposta a "limar aspectos como o inicio da proba para evitar embotellamentos", explicou Víctor Cimadevila

Primeira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail Diego Torrado

O éxito de participación obtido pola Pontevedra 4 Picos Bike & Trail o pasado 19 de abril, con 1.400 participantes e "peticións para 400 ou 500 máis", empurrou o Concello e a empresa organizadora, Global DxT, a anunciar xa unha segunda edición.

A cita deportivaterá continuidade en 2016 pero farao con obxectivos ambiciosos, incrementando o límite de inscrición para as probas de BTT ata os 2.500 deportistas e o Trail ata os 600 avanzando no reto de "convertila nunha proba de referencia nacional", explicou Víctor Cimadevila.

Será unha principais das novidades nas que se traballa. A outra, ampliar a dous os días de celebración para separar ambas as dúas modalidades.

A través dunha enquisa a organziación preguntou o parecer dos participantes ao respecto, e dada a boa acollida decidiuse que o BTT, nas variantes de 60 e 120 quilómetros, se dispute durante a xornada do sábado.

Será unha vez máis a proba estrela, con ascensións aos catro picos que deron nome ao evento: Castiñeiras, A Fracha, Pontillón do Castro e A Escusa.

Para o domingo quedaría o Trail de 15 ou 30 quilómetros completando un intenso fin de semana, que se manterá no calendario a mediados do mes de abril.

Segundo explicaron tras unha reunión co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, entre os aspectos a mellorar se encontra "o inicio da proba para evitar embotellamentos", sinalou Víctor Cimadevila, que pasaría por un pequeno cambio de trazado e por "cortar o paseo de Lérez para evitar problemas", engadiu Fernández.