Jorge Puig, Gustavo Santiago e Hugo García ocuparon os tres primeiros postos na categoría masculina. Natalia Castro, Sabela Martínez e Isa Caeiro foron as mulleres máis rápidas da San Silvestre 2023.
Unha proba na que os gañadores levan roscas e lacones porque o importante, neste caso, é participar e divertirse nunha proba solidaria que contou coa asistencia de 5.412 persoas que achegaron o seu quilo de comida non perecedoira que se cederá por parte da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, organizadora do evento, ao Banco de Alimentos da provincia.
Cun novo percorrido que se estableceu na avenida de Bos Aires na contorna da ponte do Burgo, a futbolista pontevedresa campioa do mundo coa selección española Tere Abelleira, acompañada polo alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores, foi a encargada de dar o disparo de saída a este evento deportivo.
Unha vez máis, numerosos participantes acudiron con disfrace e adornos do Nadal, sen que faltasen superheroes, mascotas e mesmo gaiteiros que ían interpretando pezas a medida que avanzaba ata a meta situada na avenida de Montero Ríos.