440 padexeiros participarán en Verducido no Campionato de España de Seleccións Autonómicas en idade escolar

Pontevedra
25 de outubro 2023

O campionato foi presentado este mércores polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías

Presentación do Campionato de España de Seleccións Autonómicas en idade escolar PontevedraViva

O Centro Deportivo David Cal de Verducido acollerá este domingo o primeiro Campionato de España de Seleccións Autonómicas en idade escolar no que participarán 440 padexeiros.

A competición dará inicio o sábado 28 ás 9:00 da mañá coas emocionantes eliminatorias individuais que cubrirán unha distancia de 500 metros. Pola tarde, a partir das 16:00 horas, disputaranse as primeiras probas nas que se outorgarán as cobizadas medallas, con carreiras de 3000 metros nas modalidades de K1 e C1. A competición culminará o domingo coas probas de K2/C2 e K4/C4.

O campionato foi presentado este mércores polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías. 

A proba está organizada pola Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo. 

Fredi Bea destacou que "ata o de agora nunca se celebrou esta modalidade neste tipo de campionatos do Consello Superior de Deportes" que ten como singularidade que van estar presentes 17 autonomías de todo o Estado (excepto Canarias e Ceuta). 

"Vai ser das competicións que máis xente veña de fóra de Galicia" xa que neste campionato está pechado o número de embarcacións por autonomía, e dicir, todas poden inscribir o mesmo número de padexeiros, e neste caso Galicia, que é a que máis canteira ten, foi "a que máis problemas tivo para facer os seus barcos pola calidade que ten", explicou Fredi Bea.

O presidente da Federación Galega foi sincero "esperamos gañar, imos ser realistas, somos a Federación que é capar de encher absolutamente todas as categorías de todas as embarcacións". 

Daniel Benavides quixo poñer en valor "o que estamos a facer no deporte escolar que somos referentes tamén a nivel mundial".

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación convidou a veciñanza para asistir para "animar e apoiar o equipo galego, a eses 70 mozos de Cadete e Infantil que nos representan", e asegurou que "con todas as boas novas que nos está dando o noso deporte ultimamente, estou máis que seguro de que alcanzarán unha moi boa posición". 

Por último, a concelleira Anabel Gulías destacou a colaboración institucional e a cooperación coas federacións e cos clubs. "Pontevedra vive un romance co piragüismo e é unha historia de amor que espero que dure moitos anos", manifestou.