"Case 300 atletas" darán brillo en Marín a un Campionato de España de Marcha que "é un privilexio"

Marín
04 de marzo 2025

O Campionato de España de Marcha Absoluto en distancia de 35 quilómetros celebrarase en Marín o vindeiro domingo 9 de marzo nun circuíto habilitado na Avenida de Ourense

Presentación do Campionato de España Marcha Absoluto (35km) en Marín
Presentación do Campionato de España Marcha Absoluto (35km) en Marín Deputación de Pontevedra

Marín quenta motores para unha das grandes citas deportivas do ano na vila.

O vindeiro domingo 9 de marzo disputarase nun circuíto habilitado ao longo da Avenida de Ourense o Campionato de España de Marcha Absoluto e Máster na distancia de 35 quilómetros.

Serán "case 300 atletas os que participarán o próximo domingo aquí nas rúas de Marín", confirmou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

Entre eles serán figuras a seguir os pontevedreses Antía e Daniel Chamosa, presentes na posta de longo, a primeira tras ser parte do equipo español nos últimos Xogos Olímpicos.

"Es un orgullo competir en casa, y eso seguro que nos va a dar fuerza durante la competición", asegurou Daniel Chamosa.

"Ter a oportunidade de ver deportistas de alto nivel coma os que hoxe me acompañan competir neste Campionato de España xutno co resto das figuras do deporte que van a vir a Marín é un privilexio", defendeu pola súa banda a alcaldesa, María Ramallo, acompañada doutras autoridades como o presidente da Deputación, Luís López, e do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete.

Xunto ao campionato de 35 quilómetros disputaranse tamén o Campionato de España Marcha Federacións Autonómicas Sub-20 e Sub-18 (10km) e o Sub-16 (5km).

Será todo nunha intensa xornada que arrincará ben cedo, ás 8.30 horas da mañá, coa saída das probas absolutas de 35 quilómetros.