Os clubs da Liga Feminina 2 de baloncesto uníronse para pedir o final da tempada tras a suspensión temporal da competición por mor da crise do coronavirus.
Dos 28 clubs que compoñen a categoría nos seus dous grupos, un total de 24 entre os que se atopan o Arxil pontevedrés, o Cortegada de Vilagarcía e o Baxi Ferrol, remitiron un escrito á Federación Española de Baloncesto (FEB) para que a liga se de por finalizada na xornada 21, cando foi paralizada.
Por diante quedarían cinco xornadas de competición regular, ademais do play- off, pero o temor tras confirmarse o aprazamento dunha xornada máis (28 e 29 de marzo) é que a situación se prolongue demasiado no tempo.
Segundo entende por exemplo o Arxil, estender a competición máis aló do mes de abril supoñería un importante quebranto económico, debido a que obrigaría a prolongar os contratos das xogadoras.
Ademais, as restricións fronteirizas adoptadas por diferentes países complica a volta a España das xogadoras que con permiso dos seus clubs regresaron ás súas casas, como sucede no equipo pontevedrés coa estadounidense Forster, a sueca Linne e a arxentina Puchetti.
A solicitude da maioría de clubs da segunda categoría do baloncesto nacional aposta por deixar en mans da Comisión Delegada da FEB a decisión sobre como se organizarían ascensos e descensos.