192 árbores en Tomeza "compensarán" as emisións de CO2 da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
29 de febreiro 2024

O Concello de Pontevedra planta especies autóctonas dentro da estratexia de sustentabilidade que se encadra no movemento Good Loop recollendo o compromiso da Federación Española de Tríatlon. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores agradeceu aos servizos municipais a súa implicación e á comunidade de montes de Tomeza a cesión do espazo

Plantación de árbores en Tomeza para "compensar" o CO2 da Gran Final das Series Mundiais
Plantación de árbores en Tomeza para "compensar" o CO2 da Gran Final das Series Mundiais / Concello de Pontevedra

Para minimizar e compensar os efectos negativos que se rexistrasen durante aGran Final das Series Mundiais de Tríatlon naceu unha estratexia de sustentabilidade con criterios sociais, económicos e ambientais que se alían cos obxectivos da Axenda 2030.

Segundo os datos facilitados polo Concello de Pontevedra, o transporte, os consumos das edificacións fixas e temporais ou a xeración e tratamento de residuos durante a celebración da competición deportiva foron avaliados ofrecendo o dato de 38 toneladas de dióxido de carbono (CO2) equivalentes

Para contrarrestar este impacto, o goberno local con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, encabezando a iniciativa iniciou a plantación de 192 árbores de especies autóctonas, en colaboración con PreZero, para que o evento ofreza un resultado neutro en emisións de carbono.

A plantación de bidueiros e castiñeiros realizouse na contorna de San Cibrán, na parroquia de Tomeza, en terreos da comunidade de montes. 

"Compensamos ese exceso de CO2 que se produxo durante a Gran Final co obxectivo de buscar un evento o máis ecolóxico e sustentábel posíbel. Falamos dun aproveitamento e unha sinerxía entre todos os servizos municipais á hora de realizar esta plantación", manifestou o rexedor pontevedrés.

A iniciativa intégrase no movemento Good Loop, proposta que recolle que o compromiso coa sustentabilidade da Federación Española de Tríatlon e a idea de reducir ao máximo as emisións contaminantes

World Triatlon concedeu ao evento celebrado en Pontevedra en 2023 o certificado de prata de sustentabilidade grazas a esta estratexia.