13+3 granates contra o Pontevedra nun partido histórico para o Ribadumia

Pontevedra
07 de febreiro 2015

13 xogadores e 3 técnicos do club de O Salnés saben o que é defender ao Pontevedra e se enfrontarán cos que foron as súas cores. Gabi Leis ten as baixas de Fran Matos, Pacheco e Sidibé. Luisito as de Centrón, Capi e Kevin Presa

Luisito, Fernando Sánchez e Gabi Leis PontevedraViva

Partido inédito e histórico o que xogarán Pontevedra e Ribadumia en Pasarón (domingo, 17:00 horas). Inédito porque será a primeira vez que ambos os dous clubs se enfronten no terreo granate no campionato de liga, e histórico para a modesta e exemplar entidade do Salnés, que na súa estrea na categoría quere saborear dunha forma especial o seu paso por un campo que ata non hai moito era só un soño para eles.

Á marxe do deportivo, o Ribadumia tomou o partido coma se dunha festa se tratase, tanto que o club decidiu poñer a disposición dos seus seguidores autocares gratuítos para desprazarse a Pontevedra, invitando ademais a todos os integrantes dos seus equipos de base ao encontro, preto de 120 futbolistas, custeando o seu desprazamento e tamén as entradas, o que garante un ambiente e calor especial nas bancadas, nas que se espera que se incremente tamén o número de afeccionados locais que acudan a presenciar o partido.

Pero se especial será o partido para ambas as dúas afeccións, moito máis serao para o elevado número de integrantes do equipo e corpo técnico do Ribadumia que teñen pasado granate máis ou menos recente. Nada máis e nada menos que 13 xogadores e 3 técnicos saben o que é defender ao Pontevedra e se enfrontarán cos que foron as súas cores. Dende o adestrador, Gabi Leis, o home que máis veces vestiu en partido oficial a camisola granate, pasando polo segundo adestrador, Fernando Sánchez e o preparador físico Félix Fernández Cao, ata unha longa lista na que figuran o máximo goleador da categoría, Changui, David Pérez, ÿscar Guimeráns, ÿscar Río, Pacheco, Sidibé, Miguel Vázquez, Álex Gómez, Ismael, Sylla, Jacobo, Bisti e Fran Matos.

Gabi Leis non pode contar con Fran Matos, Pacheco e Sidibé, mentres Luisito ten as baixas de Centrón, Capi e Kevin Presa

Claro que non todos eles poderán saltar ao cesped. Precisamente as baixas que ten o conxunto aurinegro céntranse nalgún destes xogadores, como son os casos de Fran Matos, lesionado hai algunhas xornadas, Pacheco, que sufriu unha rotura de fibras no último partido fronte ao Cerceda, ou Sidibé, sancionado por acumulación de tarxetas.

Pero o problema das baixas tamén afecta ao Pontevedra. Luisito non poderá contar con Centrón nin Capi, que seguen coa súa recuperación, aos que se sumou Kevin Presa, que volveu notar molestias na súa volta aos adestramentos, o que o deixa fóra do grupo, á espera de que na próxima semana se lle realice unha resonancia magnética que determine o alcance exacto da súa lesión.

Dese modo, se o Ribadumia ten dispoñibles os xogadores xustos, mesmo debe incorporar a un xuvenil para completar a lista de 16, os granates tampouco terán demasiado onde elixir, o que deixa a Luisito con unicamente 18 xogadores para afrontar este partido, incluíndo a Fran Fandiño, convocando aos 18, e coa dúbida de se fará debutar á última fichaxe, Álvaro Muñiz.

Da dirección do partido encargarase o colexiado Alejandro Vázquez García (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Manuel Carreira Parrado.

Do que non cabe dúbida é da transcendencia dos puntos en disputa. Enfróntanse primeiro e terceiro clasificado. Unha vitoria local deixaría ao Ribadumia a nove puntos (máis o golaverage entre ambos os dous), pero se son os do Salnés os que se levan os tres puntos, a cabeza apertaríase ao máximo, dando opcións a Deportivo B, Cerceda e mesmo Arosa a sumarse a pugna polo liderado.

O respecto é máximo entre ambos os dous equipos. Dende o bando aurinegro inténtase traspasar a presión de ser favorito ao Pontevedra, pero os granates non esquecen que o Ribadumia acumula a xeira de 11 xornadas sen perder (a última vez foi na Senra, fronte ao Silva, o 9 de novembro), ademais de contar nas súas filas cun home letal ante o marco contrario, como é Changui, sen esquecer que os de Gabi Leis son o único equipo que pode presumir de ter logrado puntuar en campos como Abegondo e O Roxo.