1.016 quilómetros de ilusión cara á remontada

Pontevedra
26 de maio 2017

O Pontevedra afronta o desprazamento máis longo da tempada (1.016 quilómetros) coa esperanza de dar a badalada en Murcia e voltear a eliminatoria para seguir na carreira polo ascenso a Segunda. O partido na Nueva Condomina, o domingo ás 19:00 horas, poderá seguirse en directo pola segunda canle da TVG

Mouriño e Mateu nun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe PontevedraViva

Non hai rede de seguridade. Quedan 90 minutos por diante para lograr unha remontada histórica ou despedirse da tempada coa cabeza erguida. Sábeo un Pontevedra que viaxa a Murcia coa ilusión de voltear o 1-3 da ida e seguir vivo na loita polo ascenso a Segunda División.

Os granates visitan este domingo (19:00 horas, en directo pola TVG2) a Nueva Condomina no que é o desprazamento máis longo da tempada (1.016 quilómetros).

Por este motivo a expedición pontevedresa partía a última hora do venres desde a cidade de Lérez coa idea de facer noite no camiño e chegar a Murcia tras realizar o sábado unha última sesión de adestramento na Cidade Deportiva Andrés Iniesta de Albacete.

O plantel preparou a coinciencia o encontro, no que Luisito introducirá variantes para gañar opiones ofensivas que permitan ao equipo poñerse por diante no marcador intentando poñer nervioso ao cadro pimentonero.

Mario Barco é a única ausencia por lesión, xa que a pesar de estar practicamente recuperado da súa lesión muscular chega moi xusto á cita. Ademais da baixa do goleador, o técnico granate deixou fóra por decisión técnica a Capi e a Miki.

Desta forma a convocatoria do equipo para o choque en Murcia compóñena: Edu, Santi Canedo, Adrián, Miguel Loureiro, Bruno, Bonilla, Portela, Jacobo Trigo, Álex Fernández, Álex González, Kevin Presa, Mouriño, Eneko, Jacobo Millán, Iker Alegre, Mateu, Abel Suárez e David Añón.

O colexiado designado para arbitrar o encontro é o balear Santiago Varón Aceitón.

SUSPENDIDO A VIAXE ORGANIZADA POLO CLUB

Aínda que haberá seguidores pontevedreses na Nueva Condomina, serán só os que se despracen polos seus propios medios, ao suspender o club a viaxe organizada ao non completar o autobús que se puxo a disposición dos seguidores.