Zipi e Zape bailan ao ritmo de Furious Monkey House

Pontevedra
04 de xullo 2016

Furious Monkey House, a banda revelación do momento, dá o salto ao cine. Non será, por agora, diante da cámara -aínda que ao ritmo que van pouco lles faltará-. Súa é a canción Life Into The Wild, o tema principal da película Zipi y Zape y la isla del capitán que, do mesmo xeito que a anterior entrega desta saga, promete ser un dos filmes máis taquilleros do ano

Furious Monkey House xunto os actores que interpretan a Zipi e Zape Atresmedia

Furious Monkey House, a banda revelación do momento, dá o salto ao cine. Non será, por agora, diante da cámara -aínda que ao ritmo que van pouco lles faltará-. Súa é a canción Life Into The Wild, o tema principal da película Zipi y Zape y la isla del capitán que, do mesmo xeito que a anterior entrega desta saga, promete ser un dos filmes máis taquilleros do ano.

A canción, segundo destacan desde o grupo, "fala de encontros nun mundo salvaxe onde todo é máis divertido". Todo iso cunha base rítmica moi inspirada en grupos como The Cardigans e The Pixies, para a que os pontevedreses traballaron con instrumentos e amplificadores que reproducen a onda dos anos 90.

Formar parte da BSO desta película é un paso máis na fulgurante carreira de Mariña, Carlota, Amaya, Irene, Manu e o seu mono furioso.

Tras editar Run, un primeiro disco que gravaron en míticos estudos, a banda non para de cultivar éxitos. Este verán, ademais, forman parte do cartel de moitos dos festivais de música máis prestixiosos do noso país, entre eles o Cultura Quente ou o Portamérica, ambos nas Rías Baixas. 

Zipi y Zape y la isla del capitán recrea as travesuras dos dous xemelgos máis queridos de España ofrecendo unha película de aventuras para toda a familia con grandes doses de emoción, humor e espectáculo. Dirixido por Óskar Santos e con guion de Jorge Lara, o filme está protagonizado por Elena Anaya e os mozos Teo Planell e Toni Gómez, que interpretan aos dous irmáns.

A película estrearase o próximo 29 de xullo.