Se o 20 de xullo do ano 1936, o salón de plenos da Deputación acollía o Comité en Defensa da República; este 6 de abril, o espazo da institución provincial serviu como escenario para a presentación dun libro simbólico 'Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)', obra do investigador pontevedrés Xosé Álvarez Castro, que colabora habitualmente co departamento de Memoria Histórica que dirixe María Ortega.
Numeroso público asistía a este acto no que María Ortega, deputada de Memoria Histórica, explicou a colaboración coa Libraría Paz para levar a cabo esta presentación porque o autor é unha "peza fundamental no departamento" e destacou a súa xenerosidade e rigor na divulgación da memoria.
Ortega considera que este libro debe converterse en lectura obrigada polo papel protagonista que ten a muller en todos os acontecementos que recolle a obra; polo tratamento das distintas formas de represión que se aplicaron desde o asasinato e o cárcere á extorsión económica; e tamén polo estudo que se realiza sobre as accións de resistencia que non recibiron a Franco cos brazos abertos, senón que houbo numerosas persoas que seguiron loitando pola democracia a pesar das imposicións.
A deputada indicou que o escenario seleccionado para a presentación era o ideal porque poucas persoas honraron con "tanta dignidade a memoria da Galiza Mártir como Pepe".
Álvarez Castro, durante a presentación, indicou que este traballo é unha ampliación xeográfica e temporal da obra anterior 'Pontevedra nos anos do medo'. Nesta ocasión amplía o espazo de análise a toda a provincia e temporalmente alcanza ata mediados do século XX.
Nesta publicación, o autor recolle a gran corrupción e as tramas mafiosas que se organizaron ao redor da Falanxe e revisa as represións directas e tamén as indirectas que cometía a administración franquista.
Durante a súa exposición, Xosé Álvarez sinala a documentación recollida sobre a resistencia ao réxime que se xerou desde o inicio cunha oposición popular e a resposta militar que desenvolveron algunhas figuras en Galicia, que foron fusiladas.
Ao longo da obra tamén se mostra a represión sufrida polas mulleres, que perderon dereitos adquiridos durante a II República para verse obrigadas a limitarse ao ámbito familiar que marcaba o modelo franquista. Tamén se estuda a importancia que adquiriron na resistencia como pezas fundamentais para manter economicamente os fogares.
No acto tamén participaron Fran Alonso, editor de Xerais, e María Lores Torres, neta dun represaliado.