Xornada da Fundación Castelao no Museo para conmemorar o 80 aniversario de 'Sempre en Galiza'

Pontevedra
13 de maio 2024

A Deputación de Pontevedra, xunto á Fundación Castelao e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, conmemorará o vindeiro 28 de maio o 80 aniversario da publicación en Bos Aires do ensaio 'Sempre en Galiza' de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O acto celebrarase entre as 16:00 e as 20:30 horas no Edificio Castelao do Museo e estará dirixido por Miguel Anxo Seixas Seoane, da Fundación Castelao

 

 

Exposición "Castelao" con fondos da colección de Roberto Taboada Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra, xunto á Fundación Castelao e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, conmemorará o vindeiro 28 de maio o 80 aniversario da publicación en Bos Aires do ensaio 'Sempre en Galiza' de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A xornada comezará cunha conferencia a cargo da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, que falará do retorno da obra de Castelao a Pontevedra, e continuará con Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, que impartirá o relatorio 'As edicións, as prohibicións e as censuras de Sempre en Galiza'.

A terceira conferencia da tarde será a cargo de Natalia Crecente García, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, que falará do papel de Castelao na construción dunha tipografía galega, mentres que as intervencións as pechará Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, coa conferencia 'De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza'.

A xornada seguirá cunha mesa redonda que xuntará aos relatores das catro conferencias, moderada por Diana Santiago Iglesias, secretaria da Fundación Castelao e, como broche de ouro, o público asistente poderá participar nunha visita á exposición permanente de Castelao e á exposición temporal 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías', conducida por Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, e Xan Carballa, autor das fotografías.

O acto celebrarase entre as 16:00 e as 20:30 horas no Edificio Castelao do Museo e estará dirixido por Miguel Anxo Seixas Seoane, da Fundación Castelao.

SEMPRE EN GALIZA

Castelao viña elaborando 'Sempre en Galiza' desde 1934, pero non viu a luz ata dez anos despois, cando o intelectual galeguista estaba xa exiliado en Arxentina. O manuscrito orixinal desta obra de referencia consérvase no Museo de Pontevedra, así como as sucesivas edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo.

Por iso, e ao cumprirse o 80 aniversario da súa edición, a Deputación promove esta xornada no mesmo lugar no que se conserva o manuscrito deste clásico do galeguismo para afondar no seu estudo e valoración.