O Museo de Pontevedra vén de lanzar unha nova actividade dentro da iniciativa "O Museo en Familia" para realizar na casa durante o confinamento, nesta ocasión destinada a coñecer máis da obra de Castelao.
Trátase de "Orixinal ou copia? Busca dez diferenzas", nas que se presentan catro pezas orixinais de Castelao e supostas falsificacións realizadas por un copista que cometeu dez erros.
A iniciativa "O Museo en Familia" lanzada polo Museo de Pontevedra durante a corentena do coronavirus pretende animar ao público infantil a realizar actividades formativas e de lecer na casa.
De forma continua estanse a colgar na páxina web museo.depo.gal explicacións para realizar obradoiros, tendo xa propostos algúns sobre Leopoldo Nóvoa, a exposición Debuxantas, e a faceta máis teatral de Castelao.
Estas actividades acompáñanse doutras iniciativas destinadas ao público adulto coa difusión a través de redes sociais dos contidos do Museo. Ademais, diariamente o Facebook do museo publica novo contido sobre as exposicións permanentes e temporais.