Xoel López, Alex Cooper e Be Forest tamén estarán no Atlantic Fest

O Salnés
05 de abril 2016

O Atlantic Fest, substituto do Festival do Norte na Illa de Arousa, segue dando pasos para desvelar o cartel completo da súa primeira edición, que se celebrará entre os días 1 e 3 de xullo. Así, os seus organizadores confirmaron tres novos artistas: Xoel López, Álex Cooper e Be Forest

Concerto de Xoel López no Pazo da Cultura de Pontevedra Cristina Saiz

O Atlantic Fest, substituto do Festival do Norte na Illa de Arousa, segue dando pasos para desvelar o cartel completo da súa primeira edición, que se celebrará entre os días 1 e 3 de xullo.

Así, os seus organizadores confirmaron tres novos artistas: Xoel López, Álex Cooper e Be Forest.

Un Xoel López en estado de graza subirase ao escenario Son Estrella Galicia como un dos seus protagonistas indiscutibles. Vén con cinco nominacións nos Premios da Música Independente para Paramales, o seu segundo disco en solitario. Trátase dunha porta que se abre para deixar entrar aires contemporáneos e urbanitas en 13 composicións concibidas a ambas as beiras do Atlántico. 

Pola súa banda, Álex Cooper celebra os seus 30 anos de carreira musical coa publicación do disco Popcorner: 30 Años viviendo en la era pop, no que recompila as pezas craves de Los Flechazos e de Cooper. Pero realmente o que é único e especial son as presentacións en directo, que comezaron de maneira apoteósica na Riviera de Madrid

Os italianos Be Forest editaron en 2011 o seu primeiro disco, Cold, causando un auténtico balbordo na prensa especializada dos seus país. En moi pouco tempo o son dreampop da banda chegou a todo o mundo e tres anos despois editaron Earthbeat, onde rexorden as súas guitarras e as súas melodías ensoñadoras elévanse e alcanzan unha nova calidez.

Estas tres novas confirmacións súmanse aos nomes xa anunciados de Nacho Vegas, El niño de Elche e os británicos Tinderstick.

As entradas teñen un prezo inicial de 35 euros -o abono para os tres días-, ata o próximo 8 de abril.