Xesús A. López publica un ensaio no que compaxina a obra plástica de Castelao co seu pensamento

Pontevedra
22 de setembro 2022

O escritor presentou este mércores no Arquivo o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’ no que fai unha análise da evolución do autor dende as súas ideas conservadoras ata as ideas nacionalistas

Presentación do libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’ Deputación de Pontevedra

O escritor Xesús Andrés López Piñeiro presentou no Arquivo Provincial o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’, un ensaio no que se recompilan e ordenan coñecementos sobre a primeira parte da vida do rianxeiro, como debuxante e pintor, e tamén sobre o momento no que se produciu o seu cambio de pensamento de conservador a nacionalista.

O acto estivo organizado polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para dar a coñecer entre o público a impresión institucional do libro, encargada pola Deputación de Pontevedra e editada por Galaxia. 

Segundo explicou a deputada responsable da área e tamén dos departamentos de Memoria e Lingua, María Ortega, a Deputación decidiu implicarse na divulgación deste ensaio por considerar que "Castelao sempre será unha figura referente para o país nas súas diferentes facetas".

Xunto á deputada e ao autor do ensaio, na presentación tomaron parte o director xeral de Galaxia Francisco Castro e o prologuista Xosé Manuel Pazo Blanco. 

López Piñeiro explicou que "Castelao está máis que 'sobado', sempre se fala del, pero hai que volver sempre a el porque foi fundamental para a política, a cultura e para a plástica galega". Tamén dixo que se decidiu a escribir sobre este ilustre galeguista "porque sempre foi un referente para min dende rapaz", e por iso, tras un traballo de máis de tres anos de documentación, fixo un percorrido acoutado sobre o coñecemento do autor dende 1903, cando comezou a facer os seus primeiros debuxos, ata 1916 cando entrou nas Irmandades da Fala en Pontevedra.

"Pretendín compaxinar o seu labor como debuxante e pintor co seu pensamento, a evolución dende un pensamento conservador ata o seu pensamento nacionalista que o levou a meterse nas Irmandades, cunha análise de cada etapa", salientou.

López subliña que o fundamental de Castelao é que é un autodidacta, non asiste a ningunha academia, só a clases con María de Dios na Pobra do Caramiñal: "o resto fíxoo pola súa conta", explica, destacando que as súas fontes artísticas foron o realismo flamenco "de aí veñen o tema dos cegos", o realismo de metade do século XIX en Francia "onde Castelao ve como os pintores pintan á clase traballadora, como tamén farán outros europeos", e tamén Francisco Goya. 

Das fontes do rianxeiro, López pasou a salientar todo o que desencadeou Castelao e o seu estilo plástico: "Foi o alicerce da arte que hoxe gozamos no país", subliñou.

"Nesa época comezou a enfrontarse a outro tipo de arte que había que era o costumismo. A arte de Castelao foi o enlace ca arte dos renovadores ou dos Novos, como lles chamaban. Sen Castelao non se entende que houbera despois nos anos 30 os Seoane, Colmeiro, Torres, Maside... Non se entenderían sen a figura de Castelao, por iso é importante achegarse a el neste tempo", finalizou.