'Por Xela', con este título sinxelo, a Deputación de Pontevedra realizará durante os días 13 e 14 de maio un evento multidisciplinar tanto en Vigo como en Pontevedra sobre a figura de Xela Arias, a autora viguesa homenaxeada este ano con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Este venres presentábanse as actividades que se desenvolverán desde a institución provincial con motivo desta conmemoración a cargo da presidenta provincial Carmela Silva, a deputada responsable de Lingua, María Ortega; a deputada de Cultura Victoria Alonso e Xulio Gil, ex parella de Xela Arias, autor de fotografías da poeta que residiu durante máis dunha década en Vigo.
O espectáculo multidisciplinar realizarase nas sedes da Deputación tanto en Vigo como en Pontevedra con música a cargo da agrupación A Banda dá Loba; con fotografías realizadas por Xulio Gil e poesía coordinada pola autora Tamara Andrés que contará coas escritorias Estíbaliz Espinosa, Helena Salgueiro e de 'Dúas Gamberras e un Micro', que trasladarán o espírito de Xela Arias por Galicia, segundo comentou María Ortega durante a presentación. Para acudir a este evento será necesario realizar reservas a través do correo electrónico vicepresidencia@depo.gal
Desde o departamento de Cultura, Victoria Alonso avanzou que se realizará unha exposición fotográfica en colaboración co Concello de Vigo denominada 'Xela Arias. Poesía do retrato', con imaxes recollidas por Xulio Gil, na que se recompilan retratos que foron realizados cando eran parella acompados por poemas. Tamén se desenvolverá a exposición 'Lebres como gacelas' nas que se incluirán obras de sete poetas femininas e dúas fotógrafas, unha exposición inspirada no libro 'Tigres coma cabalos', editado por Xerais. Un libro que, segundo manifestou Xulio Gil atopou moitas lecturas que xurdiron da liberdade e que axudaron a saír do armario a moitas persoas e a ter constancia da igualdade na sociedade galega nunha actividade cultural en Vigo que potenciaba este tipo de propostas. Están previstos ademais vídeo-obradoiros con Lara Dopazo e Jesús Castro, en centros de ensino, coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Tamén se desenvolverá unha peza escénica no Castelo de Soutomaior, cun espectáculo dirixido por Avelino González. Tamén levará a cabo un concurso xuvenil en setembro e manterase o apoio desde a Deputación ás editoriais para a publicación dos libros 'Diario a diario', 'Poesía reunida', ' Intempériome' e as edicións sobre a súa obra ' Xela Arias. Poeta e tradutora' e ' Xela quixo ser ela'.
A presidenta da Deputación lembrou que desde a institución provincial existe un compromiso real "coa lingua, a cultura e a ingualdade e Xela Arias represéntao coma ninguén". Destacou a importancia da escritora porque defendeu "o que é noso" e por iso indicou que o 17 de maio ten que ser un día de "reivindicación".
Ademais, Carmela Silva quixo lembrar que só houbo cinco mulleres homenaxeadas en 50 anos de celebración do Día das Letras Galegas e por iso destacou a denuncia que Xela Arias realizara pola pouca visibilidade das mulleres escritoras e tamén por defender a lingua asociada á cultura. A presidenta provincial concluíu sinalando que "por nós, por Galicia, polo noso idioma, Xela Arias é un monumento".
Desde este venres, o Pazo provincial conta cunha pancarta despregada no balcón por Carmela Silva e polo vicepresidente César Mosquera, acompañados por diversos representantes do goberno da Deputación, con motivo da celebración das Letras Galegas, que a deputada María Ortega reivindicou afirmando que "para nós deben ser 365 días en galego, non só o 17 de maio".