Xa tes 'Lectura sensible' para escribir correctamente sobre diversidade sexual e de xénero

Pontevedra
23 de maio 2020

A Concellería de Igualdade e Benestar de Pontevedra ofrece a través do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade este novo servizo gratuíto

Paloma Castro e Ada Otero PontevedraViva

O Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade do Concello de Pontevedra ofrece de forma gratuíta unha ferramenta para todas aquelas persoas, que de forma particular ou profesional, realicen publicacións relacionadas con temática LGTBI.

A súa coordinadora Ada Otero, explica que "é bastante común que á hora de facer un escrito sobre este colectivo téñanse moitas dúbidas e no caso concreto de temática trans, hai un número importante de reclamacións de lectores polo uso de termos incorrectos por falta de información".

Así 'Lectura Sensible' ofrécese para resolver dúbidas ou "directamente ler o escrito e buscar a linguaxe ou expresións mellorables". As persoas interesadas neste asesoramento poden enviar un mail a cidespontevedra@gmail.com ou ben solicitar cita para realizar a consulta vía teléfono.

Desde o departamento de Igualdade que titula a concelleira Paloma Castro, e ao que pertence o CIDES, anima a empresas e particulares a que "aproveiten esta oportunidade coa que non se perde nada e gáñase moito; xa que ademais é útil e gratuíta".