Xa está en marcha a venda online de abonos e entradas para o FICBUEU 2024

Bueu
21 de agosto 2024

Para aqueles que prefiran adquirir as súas entradas de forma presencial, poderán facelo no despacho de billetes do Centro Social do Mar entre o 2 e o 5 de setembro. Este mércores 21 está prevista unha exhibición de películas e curtametraxes gratuíta na praia de Banda de Río

Sesión de cinema na praia no FICBUEU FICBUEU

A paixón polo cine regresa a Bueu coa décimo sétima edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebrará do 6 ao 21 de setembro.

A partir deste martes 20 de agosto, as persoas interesadas xa poden mercar as súas entradas e abonos a través da tenda en liña dispoñible na páxina web do festival

A organización do FICBUEU, tras o éxito da dixitalización da venda de billetes en 2023, mantén esta modalidade coa intención de reducir o consumo de papel e facer o proceso máis áxil.

Ao realizar a compra en liña, o público recibirá un correo electrónico co recibo e un código QR que deberán mostrar no seu móbil para acceder ás distintas sesións, que terán lugar no Auditorio do Centro Social do Mar e outros espazos do festival.

Para aqueles que prefiran adquirir as súas entradas de forma presencial, poderán facelo no despacho de billetes do Centro Social do Mar entre o 2 e o 5 de setembro, en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas.

Ademais, durante o festival, as entradas estarán dispoñibles desde unha hora antes do comezo de cada proxección ou actividade.

As entradas para as sesións de curtametraxes da Sección Oficial, que se realizarán entre o luns 9 e o sábado 14 en dobre horario (19.00 e 21.30), están dispoñibles por 3 euros cada unha.

Os abonos, cun prezo de 15 euros, permiten asistir aos seis bloques de proxeccións de cada franxa horaria, asegurando unha experiencia cinematográfica completa.

TODOPODEROSOS

Entre as actividades destacadas, o domingo 8 de setembro terá lugar un encontro co realizador e escritor Rodrigo Cortés, o novelista Juan Gómez-Jurado e o guionista Arturo González-Campos, membros dos populares podcasts «Todopoderosos» e «Aquí hay dragones».

Este evento, centrado no impacto da chegada do son ao cinema, terá un custo de 7 euros. Pola tarde, os tres asinarán libros nun evento con entrada gratuíta previa retirada de convite.

CINEMA NA PRAIA

Para os amantes do cinema ao aire libre, este mércores 21, a praia de Banda do Río acollerá unha selección de curtametraxes e películas relacionadas co verán, o mar e as praias.

A cita comezará ás 22.00 horas para o público infantil e ás 23.00 horas para adultos.

O acceso é gratuíto.