Visitas guiadas e numerosas actividades conmemorarán o Ano Castelao no Museo

Pontevedra
10 de xaneiro 2025

As visitas repetiranse todos os primeiros martes de cada mes. Para participar é necesario inscribirse a través da web da Deputación de Pontevedra

Colección de obras de Castelao no Museo Deputación de Pontevedra

Con motivo da conmemoración do 75 aniversario da morte de Castelao, a Deputación de Pontevedra preparou unha ampla programación no Museo para celebrar a súa vida e legado.

As actividades arrincaron o martes 7 de xaneiro cunha visita guiada e unha sesión de cine e música que terá continuidade durante todo o ano.

Segundo indicou o presidente provincial, Luís López, "queremos, con estas actividades, e nun ano tan especial como este, manter vivo a Castelao, na cidade que tanto quería e nunha provincia coa que tiña tanto vínculo".

En concreto, as visitas guiadas dedicadas ao artista e intelectual galeguista repetiranse todos os primeiros martes de cada mes, sendo a próxima o 4 de febreiro.

Para participar é necesario reservar prazas a través da web.

López anima tamén a todas as persoas a explorar as obras que forman a súa colección no Museo, a realizar unha visita virtual polas salas do Museo ou descargar en PDF o libro 'Esenciais. Castelao no Museo de Pontevedra', unha introdución á súa figura e á obra presentes na institución.