Coñecer o Museo de Pontevedra e que "non exista persoa que non o vexa como algo seu". Ese é o obxectivo das 'Visitas Cruzadas', iniciativa que a Deputación de Pontevedra poñerá en marcha para "espertar sentimentos e emocións" mentres se descobre o "museo nacional de Galicia", explicou Xosé Leal.
O deputado provincial de Cultura deu a coñecer este proxecto, que se desenvolverá os catro domingos do mes de maio e no que oito personaxes relevantes no panorama cultural galego exercerán de guías ocasionais dando unha visión persoal dos fondos do museo pontevedrés.
"Ten como finalidade abrir novos territorios e que xentes dispares se acheguen ao Museo", sinalou á súa vez o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
Cada un destes personaxes escollerá unhas pezas concretas ou unha colección do Museo e irá explicando a súa visión persoal sobre as mesmas e os seus sentimentos cara a elas, sempre co apoio e asesoramento do gabinete didáctico da institución.
En cada unha das xornadas coincidirán dous personaxes, que guiarán a grupos reducidos de 25 persoas (50 por xornada). Ao cabo de media hora de visita, os participantes intercambiarán o seu guía para continuar co percorrido.
As encargadas de inaugurar as Visitas Cruzadas o domingo 7 de maio serán a actriz Isabel Risco e a cantante Uxía Senlle, quen recoñeceu que "tratarei de transmitir o orgullo de ter un museo que nos represente". A seguinte xornada, o día 14 de maio, será a quenda do cineasta Jorge Coira e o xornalista e blogger Manuel Gago. O domingo 21 de maio os protagonistas serán a actriz e poetisa María Lado e o xornalista Kiko Novoa, mentres os encargados de pechar o ciclo o 28 de maio serán a escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval.
A inscrición para estas xornadas é de balde, e abrirase o luns previo a cada unha das visitas por rigorosa orde de solicitude a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. Poderán anotarse un máximo de catro acodes por correo electrónico co único requisito de ser maior de 14 anos.
Todas as visitas darán inicio ás 12:00 horas e finalizarán cun petisco na planta superior do Sexto Edificio no que se pretende que funcione como un espazo de intercambio de opinións e ideas entre os participantes.