VÍDEO.- Escolares do Carballal cantan unha divertida regueifa moderna reivindicando o acento: "En Marín, mirín, mirín!"

Marín
07 de xaneiro 2019

"Es de Marín? Si, si. Non me presta ese acento. Pois ghústame a min", con esta declaración de intencións, alumnado de 4º de primaria do CEIP do Carballal de Marín presume do seu acento nun vídeo onde cantan a ritmo de rap

Imaxe do vídeo de escolares do CEIP do Carballal de Marín O recuncho de Tambo

Estudantes de cuarto curso de Primaria do CEIP do Carballal, en Marín, volverán este martes ás aulas, despois dunhas vacacións onde foron protagonistas grazas a un vídeo que suma xa máis de 8.500 visualizacións na plataforma Youtube.

Dentro dunha actividade do curso, estes escolares elaboraron unha regueifa moderna a ritmo de rap baixo o título 'Regueifando en Marín'. Trátase dun tema cheo de retranca e de ironía en que dous grupos de estudantes manteñen un debate sobre o acento cantarín da xente da vila. As dúas bandas manteñen unha divertida discusión e finalmente rematan ríndose.

"Es de Marín? Si, si. Non me presta ese acento. Pois ghústame a min" ou "Xente de Marín, tropa do carballo" son algunhas das expresións que se utilizan neste tema xogando con algunhas das frases feitas.

Con este toque de humor, o alumnado levou a cabo unha recompliación de frases e palabras típicas, ademais de realizar unha homenaxe ao desaparecideo home orquestra, veciño de Marín, John Balan e ao pontevedrés Vladimir.

O arranxo musical, a gravación e edición correu a cargo de Víctor Alfonso Castro mentres que as titoras de cuarto curso, Ana Pérez e Ana Piñeiro colaboraron na rodaxe. Desde o centro agradecen a axuda das familias na realización do vestiario dos integrantes das dúas bandas.