'Vémonos mañá', o libro sobre Josefina Arruti e Osorio-Tafall, presentado na Deputación

Pontevedra
15 de febreiro 2023

O autor Xosé Monteagudo presentaba esta publicación no salón de plenos do Pazo Provincial este martes 14 ante numeroso público. A deputada María Ortega anunciaba no acto que a filla da parella cedeu á Deputación o arquivo fotográfico familiar, xa a disposición no AtoPO

Presentación na Deputación de 'Vémonos mañá', novela sobre Josefina Arruti e Bibiano F. Osorio-Tafall Deputación de Pontevedra

Bibiano F. Osorio-Tafall, presidente provincial, alcalde de Pontevedra durante a II República e exiliado, e da súa parella, Josefina Arruti, que sufriu a represión franquista con prisión e un arresto domiciliario, son os protagonista de 'Vémonos mañá', unha novela de Xosé Monteagudo, que este martes presentábase no Pazo Provincial da Deputación coa presenza de numeroso público.

O acto organizado pola Libraría Paz, a editorial Xerais, e o departamento de Memoria Histórica provincial contou coa intervención do autor; a deputada María Ortega; a técnica de memoria e xornalista Montse Fajardo; o editor de Xerais Fran Alonso; e o escritor Adolfo Caamaño.

Na súa exposición, a deputada responsable de Memoria Histórica sinalaba que o libro mostra a realidade das mulleres que padeceron as consecuencias dobres da represión, o exilio, os asasinatos ou as torturas aos homes, ademais da propia. Lembrou que no caso de Josefina Arruti permaneceu como prisioneira na actual Audiencia e tamén destacou as súas características como muller solidaria, que abriu o panteón familiar para dar acubillo ducias de persoas represaliadas.

Subliñou tamén a obriga das administracións públicas en reparar o dano de tantas décadas de silencio. María Ortega agradeceu publicamente que Carmiña, a filla de Xosefina Arruti e Bibiano F. Osorio-Tafall, cedera todo o arquivo fotográfico do seu pai á Deputación de Pontevedra e xa pode consultarse de maneira dixitalizada a través de AtoPO. "É unha xoia non só para coñecer mellor á parella senón tamén esa Pontevedra ilusionante que acolleu a Misión Biolóxica ou os faladoiros sobre o Estatuto", manifestou Ortega.

Xosé Monteagudo, autor deste traballo, destacaba a importancia de Josefina Arruti como símbolo da situación que viviron moitas mulleres durante o franquismo. "En silencio tiñan que seguir para adiante arrastrando moitas veces á familia", recoñeceu o escritor. 

'Vémonos mañá' ofrece unha liña argumental marcada pola realidade que viviron Bibiano F. Osorio-Tafall e Xosefina Arruti, aínda que presenta parte dos feitos de maneira ficcionada ao non existir documentación sobre o que sentía a parella.