Varias redeiras e un patrón falarán da cultura mariñeira no Museo de Pontevedra

Pontevedra
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:26

O patrón maior de Bueu ofrece unha charla didáctica sobre aparellos de pesca e as redeiras da Guarda unha charla e obradoiro de iniciación ao atado de redes

Redes Juan Mejuto

O Museo de Pontevedra organiza este venres 10 de xaneiro dúas actividades que tratan de achegar o público ás peculiaridades da cultura mariñeira, moi presente na proposta expositiva actual a través das mostras 'José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis' e 'Infiltracións. Alberto Baraya. Vento'.

Será unha charla didáctica sobre aparellos de pesca e unha charla e obradoiro sobre a arte das redeiras e iniciación ao atado de redes de pesca.

A charla didáctica "A mensaxe dos aparellos de pesca" celebrarase o venres ás 17:00 horas, con acceso libre.

Como colofón á exposición 'José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis', o patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas Otero, ofrece unha charla para todos os públicos sobre as artes de pesca e a súa evolución a través da cultura mariñeira galega.

Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, a artesá Amalia Puga e a Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, que forman o Proxecto Bolina, explicarán as claves do seu oficio e introducirán ás persoas asistentes no proceso de creación de redes de pesca e nas bases do atado aplicado a pezas de decoración. Esta é unha actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos, con inscrición previa a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal.

A actividade comeza cunha pequena charla de introdución á arte de atar redes de pesca, coa explicación das ferramentas, os tipos de arte de pesca e a súa evolución ata hoxe. Despois, as persoas asistentes aprenderán as bases do atado de redes. Cada participante contará cun kit para confeccionar, paso a paso, un prato inspirado no deseño das bandexas Patela.

CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN

Por outra banda, o Museo vén de publicar o catálogo dunha das dúas mostras citadas: 'José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis'. O volume conta con tres textos que analizan a obra e a figura do pintor de Bueu: a cargo de Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, comisaria da exposición, Arturo Cidrás e Xaime Toxo.

Inclúe ademais unha cronobiografía e o catálogo de pezas exhibidas, que se completa con imaxes doutras obras do artista. O libro, en edición bilingüe galego-castelán, pode adquirirse no Edificio Castelao, cun prezo de 15 euros.