Marín volverá ser escenario de cine coa celebración da segunda edición do John Balan Fest (JBF), que terá lugar os días 29, 30 e 31 de agosto.
O festival foi presentado este martes na Finca de Briz polo seu director e promotor, Dani Antelo, quen tamén é o impulsor do Marín de Cine - Club Audiovisual, acompañado da concelleira de Cultura Itziar Álvarez.
Aínda que as producións específicas que se proxectarán este ano non se anuncien ata máis adiante, Antelo avanzou que entre as seleccionadas haberá webseries, curtametraxes e longametraxes de alta calidade e recoñecemento internacional.
Como adianto, nomeou obras como a serie "Pulp Air", dirixida pola realizadora galega Anita Pico, con participación da actriz marinense Mayka Braña, así como o filme "Esto no es Noruega", dirixido por Alicia Albares e Paco Cavero.
Un dos pratos fortes neste festival será a proxección da película portuguesa "Lobo e Cão", dirixida pola cineasta Cláudia Varejão, que se poderá ver no anfiteatro da finca de Briz o venres 29.
Nos próximos días, a programación completa do festival será compartida a través das redes sociais.
Entre os nomes que participarán no festival, o director do JBF destacou a presenza do creador de contidos dixitais Rogelio Queiruga e o peche humorístico a cargo da cómica Arantza Treus. Ademais, contarase co apoio de Yoel Bassaget, fundador da Webseries World Cup, que xa colaborou na primeira edición do festival.
Co obxectivo de internacionalizar o evento, Antelo subliñou que "estamos a poñer o foco en producións de fala portuguesa para fomentar o contacto coas comunidades audiovisuais dos países lusófonos máis próximos a Galicia". A cita tamén contará coa visita de produtores do Río Web Fest de Río de Xaneiro e directores e directoras portuguesas que formarán parte da selección oficial do JBF.
Outra gran novidade desta edición é que Marín pasará a formar parte do circuíto internacional de festivais dedicados ás webseries, xunto co Carballo Interplay, que xa pertencía a este circuíto dende o ano pasado.
A programación incluirá actividades formativas para novos creadores, co obxectivo de impulsar as producións audiovisuais, así como diversas charlas impartidas por invitados destacados.
O Sombreiro de Honra ás Artes Escénicas e Cinematográficas será entregado á actriz galega Uxía Blanco, recoñecida por todos polo seu papel no filme "Sempre Xonxa" (1989), de Chano Piñeiro. A organización considera a Blanco como unha das maiores referentes da sétima arte en Galicia.