As actividades da área social do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, patrocinada pola Obra Social 'la Caixa', seguen a súa andaina fóra dos meses do propio festival e este sábado levaron a oito persoas con discapacidade intelectual a iniciar a gravación da curtametraxe final do obradoiro cinematográfico impartido no marco deste evento cultural.
Na rodaxe colaboraron de xeito desinteresado os actores galegos Fran Paredes, Mónica Camaño, Casilda Alfaro e César Aldea.
A rodaxe comezou no centro da Asociación Juan XXIII en Cangas pola mañá e pola tarde desprazouse ata o Museo Massó de Bueu. Rematará este domingo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
O traballo desta fin de semana é o colofón a un mes de traballo do equipo da man do director do FIC Bueu, Manuel Pena, co apoio de persoal do Juan XXIII. Está a rodar unha curta de ciencia ficción que leva por título Megalópolis e na que son as persoas con discapacidade quen se fan cargo do guión, dirección, produción, selección de actores, vestiario, maquillaxe ou montaxe.
Ademais, outros 15 usuarios da asociación participan como extras na gravación e seis persoas máis prestan apoio técnico.
O resultado poderase ver na décima edición do FICBUEU, que se celebrará do 9 ao 17 de setembro, poñendo en valor o cinema como ferramenta de inclusión para construír unha sociedade máis xusta e plural. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a integración social e laboral.