Unha obra de teatro como homenaxe a unha muller que "abriu unha fenda de luz no medio da escuridade"

Pontevedra
11 de febreiro 2021

A obra "Un biolo na noite" Ana Abad de Larriva foi a gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria, promovido polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad)

Ana Abad é autora da obra gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria Universidade de Vigo

A obra "Un biolo na noite" Ana Abad de Larriva foi a gañadora do I Premio de Microteatro da Memoria, promovido polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esad).

Ana Abad é actriz, dramaturga e xornalista e presenta a súa obra coma "unha homenaxe escénica libre, poética, a unha muller que, como tantas outras ao longo da historia, abriu unha fenda de luz no medio da escuridade".

A autora, que tamén é alumna de doutoramento da Universidade de Vigo, escribiu este texto, baseado en feitos reais, para pór en valor a figura de María, nai do último alcalde republicano de Tui, Guillermo Vicente Santiago, quen logo do golpe franquista viviu, durante catro anos agochado nun furado na adega da casa da súa nai, onde morreu enfermo de tuberculose.

"Coñecera a súa historia a través do meu pai, o historiador Xoán Carlos Abad Gallego, e o seu libro Cen personaxes en torno a unha guerra, e conmovérame moito", salientou a gañadora deste premio.

En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, Ana Abad explica que "chamárame moito a atención todo o sacrificio desenvolvido por María, facendo tantos quilómetros para mercarlle as medicinas ao fillo ou para vender roscas nas feiras; aguantando as visitas, os interrogatorios e a dor ver o propio fillo irse pouco a pouco naquelas terribles circunstancias", engade Abad de Larriva, que retrata na súa obra todos os esforzos que a protagonista realizou durante anos para conseguir os medicamentos que precisaba seu fillo, quen finalmente faleceu e tivo que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias.

"Quixen escribir unha peza que afondase na dor e na angustia caladas, mesmo levadas á tumba, de tantas mulleres durante a represión franquista", salienta Abad, que recoñece que "o universo feminino está sempre moi presente nas miñas creacións, especialmente mulleres que están nas marxes da visibilidade, do recoñecemento social".