Unha mostra recolle no Museo a diversidade de linguaxes artísticas no seo da Facultade de Belas Artes

Pontevedra
20 de novembro 2023

Organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, ‘Campo de sementes 2’ reúne a obra de 13 artistas, docentes e exalumnado da facultade pontevedresa

A mostra 'Campo de sementes 2' recolle no Museo a diversidade de linguaxes artísticas no seo da Facultade de Belas Artes Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra inaugura este xoves unha nova exposición que reúne obra plástica de 13 artistas, docentes e exalumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo.

A mostra 'Campo de sementes 2' ábrese o 23 de novembro ás 19:30 horas e poderá visitarse ata o 28 de xaneiro de 2024 no Edificio Castelao. O seu comisario é Xosé Manuel Buxán Bran, decano da facultade.

'Campo de sementes 2' xunta nun mesmo espazo unha mostra representativa da diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, en boa medida, na arte contemporánea galega. 

Esta mostra forma parte dun proxecto que tivo unha primeira edición co título de 'Mestras e mestrados' que se puido visitar no Edificio Sarmiento deste Museo de Pontevedra entre finais de 2020 e principios de 2021. Houbo logo unha segunda mostra co título 'Campo de sementes' na Fundación RAC de Pontevedra entre abril e maio de 2021. E agora chega esta terceira entrega.

A obra exposta fórmana creacións dos últimos anos, coa excepción de dúas pinturas de Berta Cáccamo, artista e profesora de Belas Artes falecida en 2018. Os seus lenzos, datados en 1984 e 1986, están situados no espazo central da sala. Ao seu redor sitúanse a fotografía de Carmen Lage, as indagacións de formas e texturas de Ignacio Pérez-Jofre e Carlos Fer e as grandes composicións pictóricas de Elena Fernández Prada e Teresa Pajares.

A mestura de linguaxes artísticas asoma na instalación con vídeo e fragmentos de louza de Xisela Franco ou na instalación fotográfica de Maruxa Alonso Gago e nas pezas do proxecto 'Do (in)visíbel ao (im)posíbel na maternidade', de Sonia Tourón Estévez. A obra de Juan Fontaíña traballa con materiais como o granito e a cerámica. Completan a exposición os acrílicos dentro e fóra do lenzo de Lucía Romaní, a pintura figurativa de Manolo Dimas e as ilustracións dixitais sobre a relación entre publicidade e patrimonio artístico de Miguel Cuba.