Os veciños de Caldas de Reis teñen unha cita este venres 18 de febreiro no Auditorio Municipal (20.00 horas) para coñecer detalles sobre un dos seus grandes valores arqueolóxicos, o coñecido como Tesouro de Caldas que conserva o Museo de Pontevedra.
Trátase dunha conferencia "organizada polo Concello en colaboración co Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo e forma parte dos actos organizados en conmemoración do 80 aniversario do achado, que tiveron que ser aprazados por mor da pandemia", explicou a concelleira de Cultura, María López.
A charla será impartida pola Dra. Beatriz Comendador, profesora e investigadora da Universidade de Vigo, que explicará por unha banda o valor tecnolóxico, simbólico e arqueolóxico do depósito e por outro sobre o valor inmaterial, antropolóxico e social do mesmo.
O Depósito das Silgadas, máis coñecido como o Tesouro de Caldas, é un depósito de obxectos de ouro da Idade de Bronce do que se conservan no museo pontevedrés 14,9 quilos, constituíndo un referente entre os tesouros áureos prehistóricos do occidente europeo. A pesar do seu gran valor trátase dun gran descoñecido ao non contar con apenas investigacións, publicacións ou proxectos divulgativos.
O tesouro foi localizado por uns veciños de Caldas e foi parcialmente vendido polos seus descubridores, formando o relato destes feitos parte da historia deste singular achado.