Chámase Esteban Batallán, ten 32 anos e é natural de Barro. Con só estes datos, podería ser un máis dos mozos do municipio. Pero grazas ao seu talento coa trompeta, converteuse no primeiro músico galego que compartiu plantel coas orquestras do Teatro e a Filarmónica da Scala de Milán, un dos teatros máis importantes do mundo.
Durante seis meses de estancia, Esteban Batallán formou parte do persoal de músicos internacionais da Scala de Milán, tendo a oportunidade de tocar na estrea do pasado 7 de decembro, que inaugura a tempada de ópera e concertos do teatro, coa obra de Verdi, Giovanna d' Arco.
O mozo, en todos estes meses, estivo dirixido por mestres internacionais como Zubin Mehta, director musical vitalicio da Orquestra Filarmónica de Israel; Alan Gilbert, director da New York Philharmonic; Daniele Gatti, director da Royal Concertgebouw Orchestra; ou o director musical da Scala de Milán, Riccardo Chailly.
Ademais, compartiu tempo, entre outros, co recoñecido compositor e director de orquestra Ennio Morricone.
En próximas datas, este mozo músico de Barro iniciará unha xira na India coa Orquestra Sinfónica de Bombai.