Un total de 15 curtametraxes son as finalistas da Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2022

Bueu
13 de agosto 2022

Recibíronse 86 traballos, case a metade de centros de Educación Secundaria

Álvaro Dosil, Olalla González e Sergio Clavero FicBueu

Quince curtametraxes realizadas nos diferentes centros educativos integrarán a escolma final da Sección Escolas Galegas do 15º Festival Internacional de Cinema de Bueu, da que finalmente sairán os títulos gañadores das tres categorías desta sección do certame.

O número de obras recibidas para a Sección Escolas Galegas foi similar ao de anos anteriores, con 86 en total, amosando o potencial do audiovisual como ferramenta de aprendizaxe, integración e transmisión de valores, cumprindo co obxectivo deste certame de promover os valores do audiovisual entre a mocidade e os centros de ensino. A gran maioría de pezas foron presentadas polo alumnado de Educación Secundaria, con 42 en total, mentres que na categoría de Educación Especial, Infantil e Primaria o total foi de 23, por 21 de Escolas de Imaxe e Son e Facultades.

O xurado da Sección Escolas Galegas, que se reúne para visionar as curtametraxes seleccionadas, está integrado pola escritora e editora Olalla González, o pedagogo, docente e investigador especializado en cine na USC Álvaro Dosil, e polo produtor, director de cine de animación e docente Sergio Clavero. As obras gañadoras anunciaranse na Gala Escolas Galegas do FICBUEU 2022, onde estarán presentes todos os finalistas e na que colaboran Kalandraka e a Fundación Novas.

O equipo encargado de preseleccionar as obras finalistas destacou a gran participación por parte dos máis novos, comentando a gran variedade de pezas e dos xéneros das mesmas. As curtas finalistas son as seguintes:

Mellor Curtametraxe de Educación Especial, Infantil e Primaria (23 curtas)  "A coroa da raíña" - CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), "Carolina e o corvo de ás brancas" - CEIP Do Hío (Cangas), "Mergullo nas rías" - CEIP Do Carballal (Marín), "Oso atrapabolboretas" - CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) e "Salvar a carballeira" - CRA Amencer (San Paio). O gañador terá un trofeo e material audiovisual por valor de 150 euros.

Mellor Curtametraxe de Educación Secundaria (42 curtas) "Cores" - IES As Barxas (Moaña), "Migrando" - IES Praia Barraña (Boiro), "Non tes prezo" - CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), "Psicología semanal" - IES Terra de Trasancos (Narón) e "Que van dicir de nós" - CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco). O gañador terá un trofeo e material audiovisual por valor de 150 euros.

Mellor Curtametraxe de Escolas de Imaxe e Son e Facultades (21 curtas) "Algas negras" – IES Audiovisual de Vigo, "Galleria. Never hug the fence" – Escola de Imaxe e Son de Vigo-EISV. CE Marcote, "Separados por unha barreira" – CIFP Imaxe e Son A Coruña, "Versos post mortem" – Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo), "42o 47 ́ 38.9”N – 8o 30 ́ 15.8” O"  – Universidade de Vigo-Universidade de Santiago de Compostela. O gañador terá un trofeo e formación audiovisual por valor de 250 euros.

Do mesmo xeito, o equipo do FICBUEU tamén seleccionou un total de 6 obras para competir polo Premio á Mellor Curtametraxe de Escolas Internacionais, entre as que terán que decidir os membros do xurado. Recibíronse curtametraxes de diversas partes do mundo, como Singapur ou Australia, sendo a escolma final a seguinte: "Fruto do vosso ventre" – Fábio Silva (Portugal), "Yi Yi" – Giselle Lin (Singapur), "Fall of the Ibis king" – Mikai Geronimo, Josh O’Caoimh (Irlanda), "Joy" – Alexandra Brodski (Reino Unido), "An ostrich told me the world is fake and I think I believe it" – Lachlan Pendragon (Australia), "Es muss" – Jumana Issa, Flavio Luca Marano (Suíza).

As curtas gañadoras das diferentes categorías da Sección Escolas Galegas daranse a coñecer durante a Gala Escolas Galegas, que se celebrará o 23 de setembro ás 11.30 horas, mentres que a peza seleccionada do apartado de Escolas Internacionais anunciarase durante a entrega de premios deste apartado o próximo 19 de setembro ás 13.30 horas.